Escrito o:
A CEL anima ás empresas de Lugo a colaborar co programa Talento Refuxiado
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) está a difundir entre as súas empresas o Programa Talento Refuxiado Lugo, unha iniciativa de ONG Rescate que busca ofrecer a mozos universitarios de países en conflito a oportunidade de continuar cos seus estudos e refacer os seus proxectos de vida na cidade amurallada.
Para iso, ONG Rescate conta coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, no que estes novos refuxiados poderán cursar os diferentes másteres especializados que se ofrecen, e co apoio da propia Deputación Provincial de Lugo e a CEL para dar a coñecer o proxecto.
Nestes momentos a iniciativa está en fase divulgativa e buscar que as empresas da provincia coñezan o programa se animen a “esponsorizar” ou patrocinar a un ou varios novos talentos.
Desde ONG Rescate destacan que ”coa esponsorización de estudos de máster, a un ou varios estudantes no Campus Terra, a empresa inviste en atraer e captar talento para, a través de prácticas laborais, proxectos de investigación vencellados ao sector ou outras actividades de interese interno en áreas específicas, mellorar a competitividade da empresa”.
Ademais, con este programa as empresas participantes, xunto ao resto de actores implicados, contribúen de forma significativa a internacionalizar e aumentar o número de matrículas na universidade, así como a fixar poboación nova no territorio, “dous dos grandes retos que temos na provincia de Lugo”, segundo a CEL.
As empresas interesadas en sumarse a este proxecto poden informarse a través da CEL no número de teléfono 982 23 11 50.