Voltar atrás

Escrito o:

Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo 2023

A semana 43 do calendario (este ano do 23 ao 27 de outubro), a Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo (EU - OSHA) organiza un ano máis a conmemoración da Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo, pensada por este organismo co obxectivo de axuntar esforzos na concienciación ao redor da prevención de riscos laborais.

Este 2023 a EU - OSHA inicia unha campaña divulgativa, que se prorrogará até 2025, e que leva por título "Traballos seguros e saudables na era dixital", destinada a sensibilizar, proporcionar recursos prácticos e reunir aos grupos de interese ao redor da necesidade de abordar os retos e oportunidades en materia de seguridade e saúde en contornas laborais nos que as tecnoloxías dixitais teñen cada vez un maior impacto. 

A OSHA destaca que esta nova campaña baséase na investigación levada a cabo pola EU-OSHA para a visión xeral da SST sobre a dixitalización 2020-2023. Entre outros datos, sinala que a enquisa ESENER de 2019 da EU-OSHA atopou evidencias de que o aumento do uso das tecnoloxías dixitais no lugar de traballo está vinculado a riscos psicosociais, como a prema dos tempos, a mala comunicación ou cooperación, a precariedade laboral e o traballo en quendas longas ou horarios irregulares.

Ademais, na enquisa OSH Pulse de 2022 da EU-OSHA realizada entre o persoal, as persoas enquisadas afirman que coas tecnoloxías dixitais traballan en soidade (44 %), senten máis vixiados no traballo (37 %), redúcese a súa autonomía no traballo (19 %), a velocidade ou o ritmo de traballo vénlles imposto (52 %) e a súa carga de traballo aumenta (33 %).

Así mesmo, os datos da enquisa OSH Pulse de 2022 da EU-OSHA mostran que as persoas que traballan en casa declaran experimentar un aumento da carga de traballo (33,2 %), da velocidade ou o ritmo de traballo que vén determinado polas tecnoloxías dixitais (61,2 %), do illamento social (56,8 %) e da presión de tempo ou a sobrecarga de traballo (46,9 %) con maior frecuencia que a poboación activa total.

Por outra banda, a crecente dixitalización da economía e o uso das tecnoloxías dixitais no lugar de traballo ofrecen oportunidades para as empresas e o seu persoal, incluídas novas oportunidades para mellorar a seguridade e a saúde no traballo. 

A CEL, a través do seu Gabinete Técnico de Prevención de Riscos Laborais, súmase a este evento informando da campaña e organizando un webinario informativo que terá lugar o xoves 26 de outubro, ás 11:00 horas, e que contará coas achegas de Jaime Villaverde Hevia, director técnico nacional en PRL de Ibersys Seguridade e Saúde. A inscrición xa pode formalizarse a través desta ligazón