Escrito o:
Fundación CEOE, Cáritas e CEL presentan en Lugo o proxecto de inclusión laboral EmpleaLab
A Fundación CEOE, Cáritas Diocesana de Lugo e a Confederación Empresarial de Lugo (CEL) presentaron hoxe, a entidades sociais e empresas lucenses, o proxecto EmpleaLab, xestionado por Cáritas e financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O acto de presentación de EmpleaLab, celebrado no Hotel Méndez Núñez baixo o título “O tecido empresarial en Lugo provincia”, contou coas intervencións do secretario xeral da CEL, Jaime López; a directora de Cáritas Diocesana de Lugo, Amparo González Méndez; a coordinadora do Equipo de Programas Piloto de Cáritas Española, Beatriz Iraeta; o coordinador de Emprega Lab na Fundación CEOE, Miguel Ángel García e o relatorio especial de Carmen Lence, CEO de Grupo Lence.
Preto de cincuenta persoas participaron na xornada, representantes de empresas de Lugo e de entidades como o Concello de Lugo, asistindo a alcaldesa, Lara Méndez e o concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto; a subdelegación do Goberno, representada pola súa titular Isabel Rodríguez; ou a Xunta de Galicia, representada polo xefe territorial de Economía, Industria e Innovación, Gustavo J. Casasola.
Inclusión laboral
EmpleaLab é un proxecto piloto colaborativo de inclusión cuxo obxectivo é mellorar a empleabilidade de persoas vulnerables (beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital), a través da mellora das súas competencias básicas, transversais e dixitais para a procura de emprego e o mantemento deste. Ao mesmo tempo, a iniciativa busca facilitar ás empresas participantes a cobertura dos seus postos de traballo vacantes.
Coa colaboración da CEL, a Fundación CEOE está a realizar xa desde fins do mes de marzo un labor de prospección empresarial na provincia lucense, co obxectivo de conseguir acordos de colaboración con empresas e coñecer ofertas de emprego vacantes para facilitar a inclusión laboral, así como para realizar un diagnóstico das necesidades laborais reais que existen na provincia.
Esta labor de prospección xa deu como resultado que máis de cen empresas da provincia se sumasen ao proxecto EmpleaLab. Todas elas poderán obter o Selo de Inclusión Social, un distintivo público da Administración Xeral do Estado co que se recoñece ás empresas que desenvolven actuacións que contribúen ao tránsito das persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital, desde unha situación de risco de pobreza e exclusión á participación activa na sociedade.
A metodoloxía desenvolvida para a execución de EmpleaLab conta cun forte compoñente de innovación social, xa que implica a posta en marcha dunha investigación que pretende coñecer se a orientación, a formación e o acompañamento na procura de emprego inflúen na empleabilidad.
EmpleaLab, ademais de en Lugo, está a desenvolverse noutras 10 provincias españolas: Albacete, Barcelona, Cuenca, Girona, Guadalajara, León, Menorca, Ourense, Valladolid e Zamora.