Voltar atrás

Escrito o:

Grupo Isonor, nova incorporación ao Consello Asesor da CEL

Grupo Isonor, a través de E-Escola, vén de incorporarse ao Consello Asesor da CEL nun movemento que afianza a presenza e o compromiso desta entidade coas empresas de Lugo.
O secretario xeral da CEL, Jaime Luís López, mantivo recentemente un encontro con representantes do Grupo encabezados polo seu CEO, Jorge González Cuenca, no que trataron de definir as liñas de traballo que compartirán ambas organizacións. Estiveron presentes tamén na reunión Mariluz Pérez Grandas, directora de desenvolvemento territorial de Grupo Isonor, Javier Romay, director comercial de desenvolvemento territorial e María Fraguas, tamén da dirección comercial da empresa.

López destacou que E-scola é “unha empresa de referencia no ámbito formativo en Lugo” e, por tanto, “incentivar unha mellor cualificación dos profesionais lucenses estará entre os obxectivos de cooperación que nos marcamos para próximas datas”.

Na mesma liña, o traballo conxunto de ambas entidades dirixirase a incrementar o habitual apoio da CEL ás empresas da provincia de Lugo, achegando o Grupo Isonor a súa experiencia e saber facer en materia de consultoría, especialmente en áreas novas e con impacto cada vez maior na xestión empresarial como o cumprimento normativo ou a dixitalización.

Consello Asesor CEL

O Consello Asesor da CEL é un organismo interno da organización empresarial que agrupa empresas e entidades con presenza na provincia de Lugo que, pola súa especial traxectoria, dimensión, actividade ou calquera outra circunstancia, se constitúen en grupo de apoio, análise, debate e fonte de propostas para a CEL. Na actualidade supera as corenta empresas. A integración de E-scola é a segunda deste exercicio, tras a incorporación de Mourín Saúde en febreiro de 2023.

Grupo Isonor

Grupo Isonor é unha empresa con capital 100% galego, con máis de 25 anos de experiencia en consultoría.  Desde a delegación de Lugo, que vén de inaugurar novas instalacións, xestiónase tanto a Dirección Provincial como a Dirección de Desenvolvemento Territorial fose da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa estrutura, sinxela, áxil e próxima, está comprometida e sensibilizada coa contorna, tratando de axudar e acompañar ás empresas no cumprimento normativo, mellora continua e dixitalización.

E-scola está especializada en formación de xestión empresarial, en todas as súas áreas,  tanto para directivos como para traballadores. Ademais conta cunha dilatada experiencia en secretaría técnica de congresos e xornadas sectoriais, e impartición e organización de numerosas edicións do  máster de prevención de riscos laborais en colaboración coa Universidade.