Voltar atrás

Escrito o:

Intercambio de intereses comerciais entre Lugo e Colombia na CEL

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a visita dunha delegación comercial da República de Colombia, interesada en establecer contactos empresariais na provincia de Lugo para o desenvolvemento de novos proxectos en común. 

Concretamente, visitaron a CEL as empresarias colombianas Sofía Gaviria Correa e Eliana Do Pilar Bejarano e Murillo. Sofía Gaviria é, ademais, politóloga, diplomática e política, chegando a ocupar un posto no Senado da República de Colombia e sendo embaixadora deste país en Suíza até 2022. Foron recibidas na CEL polo seu secretario xeral, Jaime López, así como polos empresarios lucenses Anxo Hermida e Juan Labrada. 

As empresarias de Colombia presentaron en Lugo unha nova materia prima, o "sacha inchi", planta oleaginosa da selva amazónica que se comercializa en fariñas, aceite e snack e con interesantes aplicacións comerciais, xa que pode utilizarse tanto para a elaboración de produtos cosméticos, como para a industria alimentaria, entre outros. Buscan empresas de Lugo interesadas en emprender novas iniciativas con esta materia prima de base.

Ao mesmo tempo, as empresarias ofrecéronse para presentar os produtos lucenses no seu país, exercendo como "embaixadoras" das empresas interesadas neste mercado.