Voltar atrás

Escrito o:

CEL e Deputación de Lugo presentan o Lugo en Cifras 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron hoxe no Pazo de San Marcos Lugo en Cifras 2022, un estudo elaborado anualmente pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial e que recompila os datos sociolaborais, demográficos e económicos máis significativos da provincia, as súas comarcas e municipios.

En palabras do secretario da CEL, esta publicación recuperouse en 2020 por ambas as entidades ao "detectar a necesidade de contar cun documento de análise único que ano a ano nos axude a ver a evolución da nosa provincia en función dos seus indicadores sociais e económicos máis relevantes", converténdose ademais nunha "ferramenta util para a reflexión e a posterior toma de decisións e posición".

Pola súa banda, Tomé Roca destacou que esta é unha publicación "que proporciona un coñecemento que serve como punto de partida para deseñar o futuro, para detectar e resolver problemas, e para aproveitar mellor os moitos aspectos positivos da nosa economía". Subliñou que o Lugo en Cifras deste ano amosa "ás claras o impacto da pandemia" ao perder a provincia "unhas 1.000 empresas entre xaneiro do ano 2020 e xaneiro de 2021", aínda que tamén demostra "a capacidade de recuperación da nosa economía" e, como exemplo, destacou "a balanza comercial positiva de 125 millóns de euros conseguida no ano 2021", sendo hoxe Lugo "unha provincia que exporta máis do que importa", alcanzado o valor dos bens colocados nos mercados estranxeiros os 723 millóns de euros, "a cifra máis alta desde o 2016".

O presidente da Deputación destacou tamén datos de Lugo en Cifras 2022 como que "o turismo experimentou un importante repunte, proba de que o noso modelo de turismo non masificado e de calidade é o máis adecuado para a recuperación do sector", e que a provincia de Lugo conta co 12% total das empresas de Galicia, coa taxa de paro máis baixa "a 8% fronte ao 11,6% de media na comunidade" así como outros "indicadores positivos que hai que aproveitar".

Repunte da actividade económica

Jaime López destacou asemade que as variables que se analizan nesta publicación "non adoitan sufrir grandes variacións" ano a ano, pero si coincidiu co presidente da Deputación en destacar ese repunte da actividade económica, "un efecto rebote da recuperación tras a importante caída de 2020 debido á COVID-19". Resaltou que hai tendencias positivas na provincia que espera que se consoliden nos exercicios 2022 e 2023 como esa "recuperación da actividade exportadora e a volta a unha balanca comercial positiva ou o restablecemento da actividade do sector turístico".

Subliñou tamén que este tempo pode ser bo para "mellorar en cuestións como a nosa aposta por Internet", xa que nestes momentos e segundo se reflicte en Lugo en Cifras "entre as empresas lucenses máis pequenas soamente un 28,3% ten páxina web", pero hai incentivos como "as axudas á dixitalización do Kit Dixital do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que poden axudarnos neste ámbito se nos animamos a sacarlles proveito".

Outros datos

Outros datos destacables do estudo é que no debuxo demográfico da provincia séguese ampliando o despoboamento e o envellecemento, onde é maior que no total de Galicia e de España. Vese así que continúa crecendo a idade media dos lucenses, que pasa de 49,8 anos en 2019 a 50,35 en 2021. 

Tamén segue medrando o peso dos fogares de parellas sen fillos, que mesmo gañan terreo aos monoparentais. En canto aos ingresos por fogar, medran os límites e cada vez son máis as familias que dispoñen de até 400 euros ao mes e tamén aquelas que superan os 4.000.

No ámbito económico, a provincia de Lugo achega un 12,53% do PIB de Galicia (dato neste caso a peche de 2019) e levemente superior ao dato do exercicio anterior. Servizos, seguido de industria, sector primario e construción son os sectores que máis moven na economía provincial. 

Segundo recolle Lugo en Cifras, no ano 2021 viuse reflectido o comezo do crecemento da inflación, que no 2022 acadou cifras que non se vían desde hai décadas. O IPC, con cifras negativas no 2020, conseguiu o 6,4% en decembro do 2021, sendo desde entón notablemente crecente e impulsado polo aumento de prezos de produtos enerxéticos e carburantes.

A nivel laboral, a maioría dos máis de 136.000 traballadores que exercen na provincia de Lugo dedícanse por tanto, ao sector servizos (70,95%), que a pesar do descenso relativo anotado no ano 2020, volveu á senda positiva no 2021. Séguelle a agricultura (12,99%), industria (10,42%) e construción (5,65%). 

Un dos aspectos que máis evidenciou o efecto da pandemia en Lugo, segundo o estudo, é a caída do total de empresas con sede social da provincia, pasando de cáseas 25.000 no ano 2020 ás 24.000 no 2021. As características destas continúan sendo as mesmas que en anos anteriores. A maioría son microempresas sen asalariados ou pemes con 1 a 9 empregados. Delas, preto do 81% ten conexión a internet, unha cifra que aumenta até o 99,4% para as empresas de máis de 10 empregados.

Outros datos que destacan na publicación deste ano son que continúa aumentando o peso da agricultura ecolóxica na provincia, que segue sendo a que máis superficie destina a este tipo de cultivos "preto do 50% do total de Galicia", así como o continuo descenso tanto do número de oficinas de entidades de crédito como do número e importe das hipotecas asinadas.

O estudo pode consultarse en detalle a través da páxina web www.lugoencifras.org, posta en marcha o ano pasado e que permite a descarga do tres publicacións xa editadas pola CEL co apoio da Deputación de Lugo, así como as editadas a través da Fundación CEL até 2005; a procura de ítems nas publicacións e a consulta das fontes ás que se recorre para a elaboración deste informe.