Escrito o:
Ao redor de noventa empresarios participaron hoxe no II Foro Think Tank de CEL e Xunta, no que se debatiu sobre o futuro da Ribeira Sacra
O salón de actos do Balneario Augas Santas encheuse hoxe co II Foro Think Tank "Ribeira Sacra: aposta de futuro", un encontro de reflexión e traballo organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Xunta de Galicia no marco da iniciativa Conecta Lugo.
O foro, concibido como ferramenta de coñecemento e debate sobre as potencialidades económicas da zona sur da provincia, así como punto de xeración de ideas de futuro para a Ribeira Sacra, congregou a máis de setenta participantes e dividiuse en tres mesas de traballo, nas que se debateu sobre “O potencial do sector agroalimentario”, “Excelencia e sustentabilidade como camiño do turismo” ou “O viño como porta ao mundo”.
O secretario da CEL, Jaime López, destacou na apertura do encontro que ademais se buscaba “achegar as axudas da Xunta ás empresas da provincia” e que na base do mesmo se atopaba “a idea de apostar pola zona rural e que se vexa o valor que ten a provincia de Lugo”.
Turismo e sustentabilidade
Na primeira mesa de traballo, denominada "Excelencia e sustentabilidade como camiño no turismo”, participaron Nava Castro, directora da Axencia Galega de Turismo de Galicia; Luisa Rainer, xerente de O Canto da Terra; Beatriz Pérez, socia fundadora de Máis que Románico; Alexandra Seara de Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra; Diego Rodríguez de Praia da Cova e Martín Alemparte de GDR Ribeira Sacra - Courel.
Os relatores desta mesa coincidiron en destacar a necesidade de elevar o estándar da oferta e do turista para mellorar a excelencia e a sustentabilidade é un dos obxectivos da Ribeira Sacra, así como de remar “todos a un tempo”, tanto o sector público como o privado, para potenciar a zona de maneira conxunta.
Recalcouse tamén a necesidade de dispersar o turismo por todos os puntos da Ribeira Sacra, pois “tende a concentrarse nunhas zonas moi concretas”, así como a necesidade de coordinación entre todos os Concellos en materia de turismo ou o impacto das axudas públicas de face ao desenvolvemento do sector.
Agroalimentario
A segunda mesa de traballo, convocada baixo o título de “O potencial do sector agroalimentario”, contou coa participación de Hugo Criado, CEO de Medrar Smart Solutions; Xosé Lois Llamazares, coordinador xeral de Galletas Daveiga; Rocío Freire, directora de Calidade, Produción e I+D de Alibós Galicia; Ana Vázquez, responsable de Arias Moniz; José Luís Cabarcos, director xeral de Agacal e Elena Polo Prieto, técnico de innovación de Axencia Galega de Innovación.
Elena Polo quixo destacar a idea de que calquera empresa pode innovar e que hai distintos programas de axudas da Xunta para apoiar estes procesos. “A innovación non depende do tamaño da empresa nin do sector, non ten que ser disruptiva. Calquera cambio na organización, na creación novos produtos ou servizos, novidades na comercialización, ou na xestión, considéranse innovación”, subliñou.
Xerar mellores fluxos de información entre centros de investigación e innovación e empresas, afondar na cooperación entre sector público e empresa privada neste ámbito, a importancia da colaboración entre pequenos proxectos para darse a coñecer ou levantar a calidade e a innovación como base de novos proxectos, outras das reflexións apuntadas polos diferentes relatores da mesa.
Vitivinícola
"O viño como porta ao mundo" foi a última mesa de traballo deste II Foro Think Tank. Participaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o director de Competitividade do Igape, Norberto Penedo Rei; Juan Luís Méndez Vermello, CEO de Vinigalicia; Ivan Prado, xerente da man de Prado; Rubén Moure, CEO de Leira Cuarta e Juan Manuel Rodríguez, presidente do CDRO Ribeira Sacra.
Na mesa fíxose fincapé na relevancia do sector do viño como motor da Ribeira Sacra, aínda que se resaltou o papel do turismo na evolución positiva deste sector na zona e na necesidade de apoio mutuo para seguir medrando.
Neste sentido, como conclusión xeral do foro, para potenciar a Ribeira Sacra reivindícase un plan que involucre aos sectores vinícolas, turístico e agroalimentario que teña como fío condutor a calidade e a innovación. Igualmente, destácase a necesidade dunha imaxe unida de toda a Ribeira Sacra, de seguir potenciando o tándem público - privado como vía de mellora ou de apostar pola dixitalización ou o marketing.