Escrito o:
Empresarios e entidades públicas lucenses únense na campaña LUGO CON UCRAÍNA
Once empresas e entidades públicas de Lugo uníronse para impulsar a campaña "Lugo con Ucraína", iniciativa que busca recadar fondos para os afectados polo actual conflito bélico e, en especial, para os máis vulnerables, os nenos ucraínos.
Concretamente, a iniciativa está liderada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, e conta coa colaboración do Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo, Abanca, Cafés Candelas, Caixa Rural Galega, Clínica Dinán, Gadis, a Asociación de Hostalaría de Lugo e a Federación de Comercio de Lugo.
Todas estas entidades financiaron a impresión dunha tirada inicial de 3.000 camisetas que, coa lema "Lugo con Ucraína. Non á guerra", poranse a disposición dos lucenses a través de mesas de voluntariado situadas en puntos céntricos da cidade, xestionadas pola federación veciñal e nas que se recadarán fondos a favor de Ucraína. Os lucenses colaboradores poderán levar, a cambio das súas achegas, unha destas camisetas. Os voluntarios empezarán a traballar nestas mesas a partir da semana próxima.
Finalmente, os fondos recadados serán cedidos a UNICEF Lugo, entidade seleccionada tras a valoración de distintas opcións polas súas liñas de traballo directamente dirixidas ao colectivo considerado como máis vulnerable polos promotores desta iniciativa, os nenos ucraínos afectados o conflito bélico.
Presentación
A campaña foi presentada hoxe nun acto no fornelo da Praza Maior de Lugo no que participou a alcaldesa da cidade, Lara Méndez; o presidente da Federación de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, o coordinador da campaña e tesoureiro da CEL, Jorge Somoza, ademais do conselleiro delegado desta entidade, Eduardo Valín, así como representantes de practicamente todas as entidades colaboradoras.
Jorge Somoza destacou na súa intervención o seu agradecemento ás entidades colaboradoras pola "rápida resposta e implicación" nesta iniciativa, pola súa solidariedade. Informou tamén que se resulta, como esperan, exitosa, está a valorarse aumentar a tirada de camisetas con novas entidades colaboradoras, así como expandir unha proposta semellante ao ámbito provincial, co apoio de Deputación de Lugo e a implicación dos Concellos que desexen sumarse.