Voltar atrás

Escrito o:

Preto de corenta empresarios sumáronse á xornada sobre teletraballo organizada pola CEL

Preto de corenta empresarios participaron na xornada que a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organizou hoxe, co apoio da Xunta de Galicia e no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, sobre teletraballo. 

Nesta xornada, que maioritariamente foi seguida polos asistentes de forma telemática, abordáronse, da man de expertos, dende as características e cambios que supón a extensión desta modalidade laboral, á normativa reguladora, a actuación da Inspección de Traballo nesta materia, liñas de axuda ou casos de implantación de éxito, entre outras cuestións de relevancia.

Máis concretamente, a xornada contemplaba no seu programa a participación da directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Elena Mancha, que falou das axudas da Administración Autonómica para a implantación de sistemas de teletraballo e do impacto deste na conciliación; da inspectora de Traballo e da Seguridade Social Antía Sández, que informou sobre actuacións da ITSS vinculadas ao teletraballo; de Jaime Villaverde, director técnico de Ibersys, que se centrou en como xestionar a prevención de riscos laborais en teletraballo; de Luis Lamas, avogado e vicedirector da E.U. de Relacións Laborais de Lugo, que informou sobre a situación actual da normativa reguladora do traballo a distancia. 

Na xornada interviu tamén Mónica González Dorado, responsable de Recursos Humanos de Abante, que explicou a experiencia práctica da súa empresa, na que o teletraballo non solo foi o xeito de superar a crise do coronavirus senón que se convertiu na fórmula na que a maioría dos traballadores prestan os seus servizos na mesma na actualidade, sen merma da produtividade e cunha maior implicación da plantilla.