Escrito o:
Reunión de traballo na CEL para materializar en Lugo as granxas piloto de ovino e caprino de FAGA
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe unha reunión de traballo para materializar un proxecto de granxas piloto de ovino e caprino aupado dende a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), organización recentemente creada e impulsada pola CEL para fomentar e promover o sector agroalimentario galego e así potenciar o desenvolvemento do medio rural en Galicia.
Concretamente, participaron no encontro Jaime López, secretario xeral da CEL, Carlos Cebrián, en representación de FAGA e Suministros Megaro Foods S.L.; Amaya Santamarta, xerente de OVICA (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia) xunto Miguel Viña, veterinario responsable de ADSG ACIVO; Sergio Vargas, do departamento de compras de Entrepinares S.L., Roberto Gómez, da consultora Medrar Smart Solutions e dous catedráticos en veterinaria da Universidade de Zaragoza, José María González Sainz e Teresa Navarro Rodrigo, que están de viaxe pola provincia de Lugo como asesores cualificados de FAGA para realizar un estudo de campo do potencial real e necesidades do subsector de ovino e caprino.
Máis especificamente, ambos os técnicos están a valorar terras dentro da provincia para iniciar un proxecto de produción e comercialización de leite e carne de ovino e caprino, que se iniciaría coa posta en marcha de granxas piloto de produtores que fornecerían estes produtos a Entrepinares e Suministros Megaro Foods para a súa transformación e posta no mercado.
Este proxecto facilitaría a sustentabilidade do medio rural galego ao abrir novas vías de negocio e emprego para os gandeiros desta contorna, incrementando a viabilidade económica das granxas de ovino e caprino ao facilitar a saída completa ao mercado dos seus animais, xa que Entrepinares compraría o leite producido e Megaro Foods as carnes dos animais de desfeito.
Granxas piloto
Para as granxas piloto que darían o pistoletazo de saída real a esta iniciativa, os técnicos veterinarios están a avaliar se é factible adaptar explotacións xa operativas, mesmo readaptando granxas agora centradas en vacún, ou a opción de posta en marcha de novas instalacións, posto que teñen que reunir unha serie de requisitos de calidade, sustentabilidade ambiental ou sustentabilidade social (facilitando a conciliación laboral e familiar dos gandeiros) para implicar a xeracións novas que vexan este tipo de explotacións como unha alternativa de emprendemento rendible a futuro.
Neste sentido, a implicación de OVICA neste proxecto será fundamental polo seu coñecemento de aspectos técnicos como raza ou de explotacións que poidan ser adaptadas por unha xeración de gandeiros novos con capacidade emprendedora.
Apoios públicos
Este proxecto de novas vías de produción agrogandeira espera contar co apoio das diferentes Administracións Públicas, tanto a nivel autonómico como provincial ou local nos ámbitos nos que se poñan en marcha as granxas piloto, polo seu potencial para fixar poboación e xerar riqueza no medio rural galego.