Voltar atrás

Escrito o:

Nova incorporación ao Consello Asesor da CEL: Medrar Solutions

O Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) vén de rexistrar unha nova incorporación no seu grupo de empresas: Medrar Smart Solutions S.L., unha empresa con sedes en Vilalba e Lugo dedicada á consultoría estratéxica para empresas. 

Para formalizar esta integración, o secretario do CEL, Jaime López, e os dous socios de Medrar, Roberto Gómez e Hugo Criado, mantiveron hoxe un encontro informal nas instalacións da sede central da Confederación no que intercambiaron opinións sobre diversas cuestións de interese para as empresas de Lugo no novo escenario da que parece ser a definitiva desescalada da crise provocada pola COVID-19.

Consello Asesor

O Consello Asesor da CEL é un órgano interno da organización empresarial provincial que aglutina empresas cunha especial traxectoria e implantación na provincia que libremente deciden formar parte do mesmo.  

Coa incorporación de Medrar Solutions o Consello estabilízase con trinta e cinco empresas en 2021, que representan a todos os sectores con implantación na provincia, con especial atención ao de servizos e agroalimentario, este último de interese estratéxico para Lugo.

Medrar Smart Solutions

Medrar Smart Solutions S.L. é unha empresa de recente creación, fundada en 2018 en Vilalba e especializada en servizos de consultoría estratéxica para empresas. Conformada por un persoal novo, altamente especializada e dinámica, ofrece servizos de estratexia e crecemento empresarial, proxectos de innovación e I+D+ i, transformación dixital e Industria 4.0, entre outros. 

Segundo a súa propia definición, "Medrar Smart Solutions S.L. é un equipo que nace co obxectivo de dar apoio ás empresas na toma de decisións, ofrecendo solucións para que poidan medrar, contando sempre co noso acompañamento. A nosa principal meta é achegar valor no ecosistema empresarial da nosa contorna para que as empresas de Lugo poidan afrontar os retos de modernización dos modelos de negocio e  transformación dixital".