Escrito o:
Practicando hábitos saudables de hixiene postural
Onte desenvolveuse no Ximnasio DiSom o primeiro dun total de catro talleres de carácter práctico que organiza a CEL para promover hábitos saudables de hixiene postural, neste caso centrados no coñecemento de exercicio físico beneficioso para a prevención de trastornos musculoesqueléticos.
Segundo o último informe coñecido sobre enfermidades profesionais da Organización Internacional do Traballo (OIT), na Unión Europea "os trastornos musculoesqueléticos son os trastornos de saúde relacionados co traballo máis comúns, representando o 59% de todas as enfermidades profesionais recoñecidas nas Estatísticas Europeas de Enfermidades Profesionais en 2005".
Resulta, por tanto, fundamental coñecer os riscos e previr aqueles asociados ao desenvolvemento e cronificación dos trastornos musculoesqueléticos, e neste punto pode ser de gran interese "a promoción e divulgación de hábitos de exercicio físico, sempre beneficiosos para a saúde e moi particularmente para o caso da prevención de trastornos musculoesqueléticos".
Novos talleres
Os próximos talleres de hixiene postural da CEL celebraranse o 9 e o 23 de maio e o 6 de xuño, tamén no Ximnasio DiSom, en horario de 20:15 a 21:30 horas. Dirixidos preferentemente a traballadores e empresarios de pemes, son gratuítos e contan con quince prazas como máximo cada un. O prazo de inscrición aínda está aberto.
Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo
Por outra banda a CEL, lembrar que o vindeiro domingo día 28 de abril conmemórase como todos os anos o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha cita anual de carácter internacional posta en marcha pola OIT para promover o fomento dunha cultura global da prevención en materia de seguridade e saúde laboral.