Voltar atrás

Escrito o:

Os empresarios galegos piden axilidade e normas claras na xestión de fondos europeos

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera que é imprescindible contar canto antes con normas claras que faciliten a xestión dos proxectos aprobados e que se vaian a financiar cos fondos da Unión Europea e particularmente cos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia co fin de aclarar o papel a desenvolver por cada unha das administracións implicadas, os criterios de repartición e os mecanismos e procedementos para que as empresas concorran coas súas propostas.

Así o reclama ao Executivo tras a reunión conxunta do Comité Executivo e da Xunta Directiva celebrada telemáticamente onte desde a sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), consciente ademais de que as disposicións regulatorias que regulen estes fondos deben reducir ao mínimo a tramitación e as cargas burocráticas, evitando solapamientos e coa maior coordinación entre administracións implicadas; reducir os tempos de tramitación e resposta por parte das administracións ás propostas das empresas; establecer marcos flexibles e abertos que permitan o encaixe dos proxectos que sexan viables e teñan calidade suficiente por parte das empresas; así como aproveitar as posibilidades que ofrece a normativa comunitaria para que as axudas sexan atractivas en termos de cofinanciación, gastos elegibles, sistemas de xustificación ou de requisitos e obrigacións exixibles.

Así mesmo, e tendo en conta que o peso das pemes e microempresas suman o 96% do tecido produtivo galego, consideran  é imprescindible habilitar mecanismos que faciliten a súa concorrencia e presentación de proxectos ou a súa incorporación e participación en proxectos tractores de maior dimensión.

En todo caso, a patronal galega mantén que as empresas e as súas organizacións deberían ser consultadas pola administración pertinente en cada caso e manter un diálogo permanente para garantir que a normativa que regule as axudas responda as necesidades reais dos potenciais beneficiarios.

A reunión foi dirixida por Juan Manuel Vieites, presidente da CEG, que estivo acompañado polo catro vicepresidentes da organización empresarial galega: Antonio Fontenla, presidente da CEC; Jaime López, secretario xeral da CEL; Marisol Novoa, presidenta da CEO; e Jorge Cebreiros, presidente da CEP.

Tras a celebración do encontro telemático, Vieites fixo balance nunha comparencia pública do tres meses que leva á fronte da organización empresarial galega dando conta de "a boa marcha da CEG" e do "ambiente de unidade empresarial que se respira, único escenario posible para defender con éxito os intereses xerais do empresariado galego".

Nesta liña, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia explicou que durante este período "a CEG foi a casa do empresariado galego para todo aquel que nos quixo trasladar as súas preocupacións ou brindarnos o desenvolvemento de actuacións conxuntas"; ao mesmo tempo que mantivo encontros con practicamente os titulares de todas as consellerías da Xunta de Galicia para trasladarlles as preocupacións e demandas do tecido produtivo relativas e de competencia de cada departamento, brindándolles a colaboración e liña directa coa entidade para traballar na súa solución e na posta en marcha de actuacións que combinen a adopción das medidas necesarias en materia fiscal, económica ou laboral que garantan a supervivencia do maior número de empresas posible neste escenario de crise coa transformación do modelo produtivo galego.

Finalmente, Juan Vieites aludiu ás actuacións que se están realizando na organización a nivel interno e é que "estamos a traballar en reforzar o papel do noso Consello Asesor, dándolle maior participación aos representantes das empresas que o integran e incrementando o número de compañías representadas; e reactivamos e xa se celebraron as primeiras reunións do seis Comisións de Traballo integradas na organización empresarial, encargadas do estudo e do debate dos asuntos sectoriais e de política económica que posteriormente serven de base para a nosa actuación, e que se ocupan de Relacións Laborais, Formación e Emprego; Emprendimiento; Competitividade e Fondos da Unión Europea; Dixitalización, Economía Verde e Innovación; Infraestruturas e Internacionalización ".

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, resaltou a "unidade dos empresarios e empresarias galegas nestes momentos en que é necesario máis que nunca que a CEG sexa unha voz forte que represente os intereses do tecido produtivo de Galicia". "Un total de 8.481 grandes empresas teñen a súa sede nesta provincia, cunha facturación conxunta de 64.992 millóns de euros, o que supón máis do 50% da riqueza de toda Galicia. É responsabilidade da CEC e por extensión da CEG darlles a mellor representación", engadiu Fontenla.

Visita ao Porto Exterior e reunión coa alcaldesa da Coruña

Aproveitando a estancia na Coruña, os presidentes da CEG e da CEC, xunto ao tres restantes vicepresidentes da patronal galega, visitaron o Porto Exterior de Punta Langosteira acompañados polo presidente da Autoridade Portuaria da cidade herculina, Martín Fernández Prado.

Por último, Juan Vieites e Antonio Fontenla mantiveron un encontro coa alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, á que entregaron un documento que recolle as principais demandas económicas e empresariais que durante anos foron reclamadas desde a Confederación de Empresarios da Coruña para impulsar o tecido produtivo desta cidade e con cuxo xesto a CEG pretende simbolizar o seu total apoio ás mesmas. Estas demandas pasan pola intensificación da colaboración entre a CEC e o Concello da Coruña, a optimización de axudas e outras iniciativas de apoio ás empresas e persoas máis afectadas pola pandemia, simplificación administrativa na tramitación, así como as demandas en infraestruturas pendentes, entre outros temas.