Voltar atrás

Escrito o:

CEL e Federación de Asociacións de Veciños lanzan “Nadal con corazón” para axudar ás familias en dificultades pola COVID-19

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo lanzan conxuntamente a campaña “Nadal con corazón”, que busca facilitar apoio ás familias de traballadores, autónomos e empresarios que se atopan en dificultades como consecuencia da crise da COVID-19 nestas datas. 

A campaña, que foi presentada polo presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, e o secretario da CEL, Jaime López, busca chegar a todas as empresas da provincia para que doen produtos de primeira necesidade (fundamentalmente de alimentación) destinados a familias en situación de vulnerabilidade nestes momentos.

Para iso, a CEL contactará coas súas empresas para animalas a realizar doazóns, e a Federación pon a disposición da campaña a súa rede de 300 asociacións veciñais na provincia, encargada de detectar os casos de vulnerabilidade e facilitar axúdaa pertinente, e o almacén que xa utiliza para as campañas “Operación Kilo”, circunscrita ao barrio da Milagrosa, e “Entre veciños”, de carácter provincial.

Coa campaña “Nadal con corazón” búscase reforzar estas redes de apoio nun momento de especial sensibilidade e necesidade, no que as diferentes iniciativas de axuda están a verse desbordadas. 

As empresas interesadas en colaborar terán poden porse en contacto coa CEL (Tel. 982 23 11 50) ou a Federación (Tel. 982 80 16 92) para acordar a loxística da doazón. Igualmente, a CEL sinala que se poden doar tanto produtos alimenticios como outros de primeira necesidade (de hixiene e limpeza, por exemplo), tanto dispoñibles en stock en almacén como a través dunha compra puntual (no segundo caso, recoméndase tamén previo contacto coa Federación de Veciños para pulsar as necesidades non cubertas polas doazóns doutras empresas).

Continuidade

O secretario da CEL, Jaime López, destacou na presentación da campaña que o obxectivo de “Nadal con corazón” é “prestar apoio nestes momentos simbólicos á xente que o está pasando mal”, pero que se prevé que esta colaboración se estenda “mentres dure a pandemia” e lembra ás empresas da provincia que poden colaborar co que consideren “que nestes momentos achegar”. 
Jaime López subliña tamén que hai empresas integradas na CEL, e moi especialmente no seu Consello Asesor, “que xa colaboran de forma periódica coa Federación” e que o obxectivo é lograr “que outras empresas que xa colaboran connosco coñezan o traballo de apoio social da Federación e, con iso, contribuír a reforzalo”.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños, Jesús Vázquez, destacou que pon “a disposición da CEL a rede de asociacións de veciños que son as que nun pobo, unha parroquia ou unha rúa saben quen o está pasando mal”, así como “a súa infraestrutura para recibir, clasificar e distribuír os produtos doados”.  Destacou que nesta situación esperan que “aínda que non solucionemos a pandemia, se podamos mitigar algunha situación difícil”.

Ambos os representantes, que estiveron acompañados polo tesoureiro da CEL, Jorge Somoza, impulsor da campaña, e outros membros da Federación, destacaron igualmente que “Nadal con corazón” é unha iniciativa máis que xorde da estreita colaboración en Lugo das organizacións de ámbito empresarial e social, e que no caso de CEL e Federación materializouse en accións como reclamar Hemodinámica, a campaña “Lugo non perdas ou tren” ou a demanda dunha Autoridade Portuaria para Lugo, entre outras. 

Neste senso, Jesús Vázquez destacou que “unidos podemos facer todos, desunidos, nada”, e que nesta liña sempre traballaron con eles dende a CEL. 

Máis info da campaña descargable ao final desta entrada.