Escrito o:
O papel dos aerosois ou o medo á vacina, entre os temas abordados na primeira xornada sobre a COVID-19
A CEL, co apoio da Deputación Provincial de Lugo, organizou onte a xornada "Prevención da COVID-19 en contornas laborais: visión técnica e protocolos de actuación" en formato online a través da plataforma Zoom coa asistencia en directo dunha vintena de empresas.
A xornada abordou as cuestións máis relevantes para evitar a transmisión do SARS-CoV-2 en contornas laborais, evitando así a proliferación da nova enfermidade, da man do médico especialista en Medicina do Traballo Santiago Díaz de Freijo, o director técnico do laboratorio Instituto de Estudos Celulares e Moleculares Severino González e o CEO de AMSLab Manuel Lolo.
Díaz de Freijo resaltou na súa intervención os diferentes aspectos relacionados coa transmisión do novo virus, con especial atención á importancia da transmisión por aerosois que vén de ser recoñecida hoxe polo Ministerio de Sanidade, as consecuencias da enfermidade e a súa evolución e impacto durante as dous diferenciado durante as dúas ondas da pandemia, así como ás medidas que de forma xenérica han de adoptarse nos centros de traballo para previr a COVID-19.
O doutor lembrou que o tres alicerces da prevención son "o uso de máscara, a distancia social e a hixiene" e para o control "a detección precoz e o rastrexo, para posterior illamento e seguimento de casos e establecemento de corentena dos contactos". Destacou así mesmo que "bota de menos", que na actual estratexia de control, centrada na atención primaria e hospitalización, "se lle de máis protagonismo ao ámbito sociosanitario, educativo e laboral, que poden colaborar coa asistencia primaria e facer que o sistema público de saúde chegue a colectivos aos que nestes momentos non chega totalmente".
Pola súa banda, Severino González de ICM falou dos diferentes tipos de test que existen para a detección do SARS-CoV-2 e das vantaxes e inconvenientes que cada un posúe en relación ao control da enfermidade, tratando de resolver as dúbidas que se observan no público en xeral respecto deles.
Pola súa banda a intervención de Manuel Lolo, CEO de AMSLab, abordou tamén diferentes cuestións relacionadas co novo coronavirus e o labor da empresa que dirixe fai en relación á mesma, con especial atención a cuestións como as fórmulas para a desinfección, cales son adecuadas e cales non e como usalas correctamente para evitar danos á saúde, ou analizou diferenzas entre os distintos tipos de máscaras e como distinguir as que están correctamente homologadas.
Finalmente, na quenda de preguntas destacaron as dúbidas que aínda subsisten en relación ao uso de máscaras ou o medo á seguridade da vacina fronte á COVID-19 unha vez estea dispoñible no mercado.
Todo o contido da xornada pode volver a visionarse en Youtube grazas á gravación do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo nesta ligazón.
Ciclo
Esta xornada forrmaba parte dun ciclo que continuará a semana próxima cunha xornada sobre o impacto da COVID-19 para empresa no ámbito xurídico, na que intervirán José Antonio Varela Agrelo, presidente en funcións da Audiencia Provincial de Lugo; Cristina Pérez, de ICA Lugo, e Félix Méndez, avogado de Obradoiro Legal. As inscricións aínda poden tramitarse a través desta ligazón.