Escrito o:
Como afrontar a COVID-19, base dunha guía de Deputación e CEL para traballadores e empresas
A Deputación de Lugo e a CEL presentaron hoxe a guía “Información xeral sobre a COVID-19 para Traballadores e Empresas”, elaborada polo especialista en Medicina do Traballo Santiago Díaz de Freijo a partir dunha compilación dos documentos técnicos que o Ministerio de Sanidade foi publicando ao longo do desenvolvemento da pandemia.
Contidos da guía
Na presentación da guía resaltouse que "a elaboración desta ferramenta se iniciou xa en maio co inicio da desescalada tralo primeiro período de confinamento, “a fin de contar con información precisa para asesorar ás empresas, e que se actualizou neste mes de setembro en plena segunda ola, dadas as novas evidencias e o avance no coñecemento sobre a enfermidade causada por este novo virus, así como nas técnicas para o seu diagnóstico precoz”.
Tamén se subliñou que “é posible que, co paso do tempo, algúns dos conceptos e medidas preventivas contempladas na guía se vexan sobrepasados por outros novos coñecementos e estratexias, polo que será necesario realizar un seguimento e actualización constantes tomando como referencia as publicacións técnicas das autoridades autonómicas e estatais”.
Xornadas COVID-19
Por outra banda, na presentación da guía tamén se falou da próxima celebración das xornadas “Protocolos de actuación en impacto da COVID-19 no ámbito empresarial”, na que se entregará un exemplar impreso da guía. Terán lugar en formato presencial (salvo que a situación sanitaria requira cambio a formato online) no norte, centro e sur da provincia, concretamente os días 11 de novembro (en Lugo), 18 de novembro (en Monforte de Lemos) e 2 de decembro (en Viveiro), en horario de 9:30 a 14:00 horas.
Nas xornadas, que gardarán na súa organización as debidas medidas de prevención (aforo ao 50%, uso de mascarillas, xel ou distancia de seguridade), entregarase un kit gratuito para a prevención da COVID-19 conformado pola guía hoxe presentada, xel e mascarillas.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de reservas, dando preferencia a empresarios e emprendedores.