Voltar atrás

Escrito o:

Empresarios galegos e Xunta suman forzas en defensa das actividades afectadas pola modificación da Lei de Costas

A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) acolleu esta mañá unha reunión técnica entre representantes dos empresarios galegos e as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, e Mar, Rosa Quintana, para pechar unha fronte común en defensa dos sectores produtivos afectados pola modificación da normativa en materia de Costas que pretende introducir o Estado a través do Proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética. Entre os asistentes á reunión e representando ao empresariado lucense atopábanse o secretario da CEL, Jaime López, e o director adxunto de Porto Celeiro, Eduardo Mïguez.

O presidente da CEC e representante da Xunta de Vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, indicou na reunión que a modificación do marco legal que implica o Proxecto de Lei de Cambio Climático resulta ?moi lesivo? para un centenar de empresas e industrias que se atopan na área de protección mariña, para as que pediu "seguridade xurídica". Neste sentido, reclamou o "diálogo entre as Administracións e os axentes económicos como o único camiño para alcanzar unha regulación que de verdade garanta o equilibrio entre o desenvolvemento socioeconómico de Galicia e a necesaria protección do medio natural galego".

Fontenla asegurou que a limitación dos períodos de concesión para o funcionamento das industrias na liña de costas até un máximo de 75 anos, prórrogas incluídas, e o propósito que recolle o Proxecto de Lei de deixar libre a costa de todas as actividades industriais que non necesiten estar na ribeira do mar para desenvolverse, atacan directamente a viabilidade destas firmas. Por unha banda, sinalou que as concesións máis curtas "ameazan o futuro de moitas empresas asentadas na costa galega durante décadas" e "coartan a modernización de todo o tecido empresarial ao pór en xaque novas investimentos", ademais de dificultar a implantación de novas industrias. Por outro, sinalou que existen moitas empresas que para poder desenvolver a súa actividade en condicións de rendibilidade deben situarse na franxa de costa, e que o seu traslado "podería afectar de maneira decisiva á súa viabilidade".

Por iso, chamou a defender estas actividades asentadas no litoral porque "son claves no futuro socioeconómico dos municipios costeiros e sosteñen miles de empregos e familias". "A costa galega é sinónimo do desenvolvemento económico de Galicia, aquí empezou a nosa industrialización e aquí sitúase a maior parte do armazón mar-industria, un sector tractor para a nosa economía, así como outras industrias e empresas emblemáticas de diversos sectores fortemente arraigadas neste territorio", reclamou.

Retirada dos artigos que regulan as concesións

Pola súa banda, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, criticou a modificación do regulamento de Costas, por ser "unha modificación escura e sen diálogo", que se fixo "pola porta de atrás a través doutra normativa diferente, o Proxecto de Lei de Cambio Climático". Vázquez considerou que "non é necesario modificar a Lei de Costas, posto que a normativa do ano 2013 deixa suficientemente claras estas cuestións e dá completa seguridade ás instalacións e industrias que están en dominio público marítimo-terrestre".

Neste sentido, sinalou que a postura do Goberno galego é a de "defender ao sector, que non pode continuar con esta incerteza sobre o seu futuro". "Desde a Xunta de Galicia buscaremos a seguridade xurídica para estas empresas e defenderemos unha normativa que promova a viabilidade e a sustentabilidade das industrias galegas", asegurou. Neste sentido, esixiu a retirada dos artigos 18.3 e 18.4 do Proxecto de Lei de Cambio Climático.

A esta solicitude sumouse tamén a titular de Mar, Rosa Quintana, que sinalou o impacto que tería os cambios previstos sobre o sector mar-industria, con máis de cen empresas situadas na franxa litoral. Asegurou que "non hai en Galicia ningunha empresa radicada no litoral que poida estar a crear un problema ambiental" e por tanto subliñou a "necesidade de darlles seguridade xurídica". "Son moitos postos de traballo en xogo, moitas empresas que agora mesmo teñen dificultades para investir ante a incerteza xurídica", denunciou, especialmente na cadea mar-industria que é un sector tractor para a economía galega.

Na reunión desta mañá participaron tamén o vicepresidente da Confederación de Empresarios da Coruña e presidente de Pescagalicia, Severino Ares; o vicepresidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra e secretario xeral de Anfaco, Juan M. Vieites; o director de Ence, Antonio Casal; e a secretaria xeral da CEC, Mariña Graña.