Escrito o:
A CEL atrae inversores para o interior da provincia
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) recibiu hoxe en Lugo a investidores interesados no potencial de Lugo en dous sectores crave e con gran percorrido para o territorio, o turístico e o agroalimentario.
Máis concretamente, o secretario da CEL, Jaime López, achegouse con eles a diferentes puntos da provincia nas zonas da Ulloa e a Ribeira Sacra, para valorar posibles emprazamentos para instalacións hostaleiras para vacacións de luxo e para o peche de negocios no ámbito do sector agroalimentario orientado á canle HORECA de alta calidade.
Os investidores, entre os que se atopaba un dos membros da cadea Small Luxury Hotels of the World, foron, ademais, recibidos institucionalmente polos alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada, e Chantada, Manuel Varela.
Valor engadido
Desde a CEL destácase que os sectores turístico e agroalimentario en Lugo son puxantes, pero con moito traballo por facer aínda. Para apontoalos e incrementar o valor engadido que xeran, a entidade considera fundamental atraer investidores que aposten por establecerse na provincia, impulsando negocios dirixidos a un público esixente e diferenciado.
Subliña tamén que a provincia se caracteriza pola alta calidade tanto da súa produción alimentaria como da oferta turística, dada a diversidade e riqueza paisaxística, patrimonial, cultural e gastronómica existente, o que facilita a posta en marcha de novas iniciativas empresariais que atendan de forma específica á crecente demanda de servizos de alta gama.