Voltar atrás

Escrito o:

Renovación do convenio CITT

O reitor da USC, Antonio López; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomei, e o secretario Xeral da CEL, Jaime Luís López Vázquez, asinaron este martes na sede de que dispón Caixa Rural Galega na capital luguesa unha nova edición dun acordo que, segundo sinalou Varela, "contribúe desde hai máis dun cuarto de século á modernización de Lugo e de Galicia  e que, como o convenio máis lonxevo e de maior contía económica de todos cuantos mantén subscritos Caixa Rural Galega, dá conta do fondo compromiso desta entidade coa sociedade e coa USC".

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomei, destacou na súa intervención a importancia da colaboración entre as administracións en aras á mellora do benestar das persoas. Tomei lembrou asemade tanto este convenio como outros que a institución provincial vén de asinar tanto coa USC certifican a súa aposta polo campus universitario de Lugo.

O secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, destacou nesta mesma liña que a colaboración público-privada resulta clave para o éxito do convenio e para o mantemento do CITT do Campus de Lugo da USC.

Volume de negocio

A maior parte do volume de negocio xestionado polo CITT do Campus de Lugo no último trienio obedece a contratos e convenios con empresas e entidades públicas, informes técnicos e reunións científicas, actividades todas elas que depararon máis de oito millóns de euros no trienio 2017-19, un período durante o que a sede universitaria luguesa tamén captou preto de 4,5 millóns de euros a través do desenvolvemento de proxectos e accións de I+D+i con financiamento procedente de fondos europeos.

As actuacións e liñas de investigación desenvolvidas co apoio económico da Xunta de Galicia ao longo do último trienio reportaron para a sede universitaria luguesa a xestión de máis de 5,7 millóns de euros, unhas cifras de investimento público en I+D+i que se sitúan ao redor dos 2,7 millóns de euros no capítulo referido as actuacións e proxectos desenvolvidos con financiamento procedente do Plan Estatal de I+D+i, segundo recóllese na memoria de actividade do CITT referida ao último exercicio.

O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo permite situar esta sede da USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, unha transmisión que chega á sociedade directamente ou a través do tecido empresarial, sinalou o reitor Antonio López, quen tamén fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu labor no CITT como ás entidades que apoian un convenio para o mantemento deste centro. A dotación orzamentaria deste acordo supera os 62.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros, a Deputación Provincial de Lugo, 9.500, mentres que a USC participa con 3.300 euros. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha.

A vicerreitora de Coordinación da sede universitaria luguesa, Montserrat Valcárcel; a adxunta á citada vicerreitoría para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, tamén estiveron presentes no acto de firma deste acordo.