Voltar atrás

Escrito o:

A CEL recomenda ás empresas de Lugo acudir ao Marketplace COVID 19 da Xunta para proveerse de material sanitario

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), ante as continuas consultas que recibe por parte das empresas en relación a máscaras e outro material hixiénico-sanitario, anima a recorrer á plataforma habilitada pola Xunta, https://marketplacecovid19.gal/, para coordinar oferta e demanda de EPIs na comunidade.

A maiores, vén de asinar dous acordos con provedores locais de produtos hixiénico - sanitarios como máscaras, luvas e xel hidroalcohólico.

Concretamente, a entidade asinou acordos cunha distribuidora especializada en produtos farmacéuticos, Farmadismo S.L., e cunha empresa de importación ? exportación, San Xiao Export S.L., ambas as integradas no Consello Asesor da CEL, para dispor deste material a prezos vantaxosos e con entrega preferente para as súas empresas e asociacións integradas.

A organización empresarial lucense sinala que ?a COVID 19 veu para quedar e está a cambiar a nosa forma de relacionarnos, e as empresas van necesitar un fluxo constante destes produtos sanitarios, de forma que estamos a buscar canles que lles permitan proverse de forma rápida e o menos custosa posible.

Neste sentido, sinala que os prezos se irán adaptando ao número de pedidos recibidos, posto que a realidade das asociacións é que facilita a organización de grandes pedidos e compra conxunta, o que mellora as ofertas recibidas, así como adaptarse á situación de mercado, esixindo sempre prezos vantaxosos.

Máscaras

A CEL xa distribuíu nestas últimas semanas máis de 220.000 máscaras grazas, primeiro, á doazón inicial da Subdelegación do Goberno e, despois, á compra centralizada a través da Xunta de Galicia na que adquiriron un total de 198.000 que xa se esgotaron.

Pechadas estas vías, e ante o constante incremento da demanda deste tipo de produtos, a Confederación optou por quedar con dúas ofertas de provedores locais para este tipo de produtos, Farmadismo S.L. e San Xiao Export S.L. que ofrecerán máscaras (hixiénicas e KN95-FFP2), xel hidroalcohólico en diferentes formatos e luvas.

A CEL ofertou e oferta este servizo como adicional á súa carteira habitual, facilitando a loxística e a xestión co obxectivo de ofrecer unha vantaxe adicional aos seus socios.

Prevención, test e outros servizos

Por outra banda, a CEL subliña tamén que xa buscou e continúa buscando outras alternativas para dar resposta ás demandas que están a xurdir entre as empresas nesta nova realidade, proporcionando desde a organización todo o abanico de servizos adicionais que nestes momentos están a se revelar como imprescindibles.

Nesta liña, a entidade lembra que as empresas de servizos de prevención de referencia para os seus asociados son Ibersys e Grupo MPE, integradas no Consello Asesor da Confederación e que pon a disposición das empresas da CEL a súa carteira de servizos de forma bonificada.

Igualmente, subliña que tres empresas locais do sector sanitario asociadas, Clínica Concepción Arenal, Clínica Dinán e Biomig, ofertan na súa carteira de servizos a realización de probas COVID 19, sempre baixo asesoramento e prescrición médica, coa garantía da súa traxectoria e experiencia.

De forma adicional, a través de Aguirre XXI, aseguradora do Consello Asesor da CEL, facilitará a través de Previsión Mallorquina un seguro de hospitalización por contaxio de COVID 19 para os traballadores de empresas asociadas.

A maiores, a CEL está a estudar tamén con provedores locais fórmulas para garantir a seguridade e higienización dos centros de traballo das empresas integradas.