Voltar atrás

Escrito o:

CEL, ABANCA e Caixa Rural Galega informan ás empresas de Lugo sobre liñas de financiamento xa dispoñibles

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), ABANCA e Caixa Rural Galega, ante a actual situación de emerxencia sanitaria e estado de alarma e as súas preocupantes repercusións no social e económico, veñen de acordar un plan de comunicación e axilización da posta a disposición de todos os negocios, pemes e empresas da provincia de varias liñas e produtos de financiamento.

O obxectivo é facilitar coa maior rapidez posible o acceso das empresas lucenses á liquidez que necesitan de forma urxente para manter actividade e empregos.

Concretamente e polo momento, as empresas lucenses xa teñen á súa disposición en Abanca e Caixa Rural liñas como as ICO, con características como prazo máximo de cinco anos para a súa amortización e un de carencia e destino tanto a investimento como a inxección de liquidez para a actividade ordinaria das empresas.

Igualmente, as compañías tamén poden optar ás liñas de financiamento de Igape ? Afigal, tamén destinables a investimento e/ou circulante (non refinanciamento), por importes de entre 3.000 e 1 millón de euros, prazo máximo de devolución de dez anos (se é para circulante, de sete), e tipo máximo interese Euribor 6m + 2,50%. Estas liñas contan con aval do 100% da Sociedade de Garantía Recíproca Afigal. Para estas liñas, ademais, a comisión de apertura é do 0%, a anual do 0,75% sobre o risco vivo e a achega ao capital dun 3% que se recupera unha vez cancelada a operación.

A medida que as diferentes Administracións habiliten novas liñas de financiamento, avais e outros apoios económicos, estes poranse de forma inmediata a disposición das empresas lucenses a través de ABANCA e Caixa Rural Galega.

A CEL pide neste sentido o máximo compromiso de todos os representantes públicos para evitar o sobreendeudamiento das empresas durante este período de crise transitorio, garantindo así unha rápida recuperación da actividade económica tras a emerxencia sanitaria.

CEL, Abanca e Caixa Rural Galega reiteran o seu total compromiso coas empresas lucenses, os seus traballadores e familias, e a súa vocación de servizo e apoio ao tecido empresarial para que, entre todos, póidase saír canto antes da difícil situación na que nos atopamos.