Escrito o:
Cheché Real representará á CEL no Consello de Turismo de CEOE
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) vén de propor a José Francisco Real Castro (Cheché Real) como membro do Consello de Turismo, Cultura e Deporte da CEOE.
Cheché Real é membro dá directiva da CEL e tamén presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL). Con este nomeamento, a organización empresarial lucense busca promover os intereses da provincia de Lugo como destino turístico, tendo en conta do crecemento do sector do turismo nos últimos anos e a proxección futura do mesmo neste territorio.
A CEL considera que o sector turístico, aínda emerxente na provincia de Lugo pero na que experimentou un crecemento constante nos últimos tempos, poden converterse en estratéxico para o desenvolvemento da actividade económica a medio e longo prazo de Lugo, así como en motor impulsor doutros sectores, o que cobra especial relevancia na actualidade dada a tendencia ao baleirado e desertización do interior de Galicia.
Destaca tamén a fortaleza da provincia a nivel paisaxístico, cultural, histórico ou gastronómico, e o impulso que xa supón para Lugo no ámbito turístico o Camiño Primitivo de Santiago, puntos de interese como a Praia das Catedrais no norte ou a proxección que sen dúbida significará a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
Consello de Turismo
Este Consello de Turismo, Cultura e Deporte da CEOE é un órgano consultivo da patronal nacional que busca a defensa dos intereses do sector empresarial español no ámbito do turismo, a cultura e o deporte, a través de, entre outras accións, a análise e debate de preocupacións e inquietudes do sector, a fin de expor propostas concretas ante as autoridades correspondentes; a identificación de retos e oportunidades; a elaboración e distribución de información, estudos e documentación que poidan resultar de interese ou a colaboración con institucións para levar a cabo iniciativas conxuntas de relevancia para o sector.
De cara a 2020 especificamente no ámbito do turismo ten como obxectivos estratéxicos, entre outros, o turismo sustentable, para o que tratará de identificar accións para dar resposta aos retos que se expoñen ante o cambio climático e formular propostas que contribúan o desenvolvemento do turismo sustentable. Tamén a internacionalización, para a que traballará na análise da contorna internacional e elaboración de propostas que contribúan a proporcionar unha maior proxección do sector no ámbito internacional. Ambas as cuestións, a sustentabilidade e a internacionalización, de especial relevancia tamén, e entre outras, para o turismo provincial.
Foto: Unha das reunións do consello de administración da CEL, órgano de goberno da entidade do que tamén é membro Cheché Real