Voltar atrás

Escrito o:

Álvarez Real súmase ao Consello Asesor da CEL

A empresa lucense Álvarez Real vén de integrarse no consello asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o órgano interno de consulta e apoio á entidade que agrupa ás firmas con maior proxección (por tradición, volume de emprego e ou facturación, crecemento ou internacionalización) da provincia de Lugo.

Álvarez Real súmase así ao "grupo forte" de empresas da CEL, entre as que destacan as do sector agroalimentario (tamén polo propio peso do mesmo na provincia), como Alibós, Cafés Candeas, Granja Campomayor, Grupo Leite Río, Armadores de Burela, Puerto de Celeiro, Vinigalicia ou Suministros Megaro Foods. Tamén, xa pertencentes a outros (e moi diversos) sectores, forman parte deste órgano da organización empresarial lucense Abanca, Arenal, Begasa, Caixa Rural Galega, Gadisa, El Progreso, Mercadona, Tableros Hispanos, Transportes Valín e Hijos, Magnesitas de Rubián, Macrocopia, Monbús, Grupo Norbel, Grupo San Froilán, Aguirre XXI, Martínez Arquitectura, Ibersys, Lugo Tradime Servizos, Audi Center Lugo, Blades Comunicación ou San Xiao Export; en total e coa incorporación de Álvarez Real, unha trintena de firmas.

Con esta integración, a CEL e o despacho lucense buscan tamén compartir sinerxías no apoio ás empresas lucenses, aproveitando a implantación de ambas as entidades na provincia de Lugo e o seu coñecemento da problemática e necesidades do tecido empresarial lucense.

Álvarez Real

Alvarez Real é un despacho multidisciplinar con forte implantación xa non só en Lugo, senón tamén en Galicia. En decembro do pasado exercicio celebrou o seu cincuenta anos de historia como empresa plenamente consolidada, que conta na actualidade cun centenar de traballadores, unha carteira de máis de 20.000 clientes e once delegacións (10 delegacións na provincia de Lugo e unha na Coruña).

Fundada polos irmáns Senón -xa falecido- e Cándido Álvarez Real, nace e crece como empresa familiar, hoxe xestionada por unha segunda xeración que traballa na continua expansión do negocio, reforzando os seus múltiples servizos con áreas especializadas como propiedade intelectual ou rexistro de patentes ou apostando pola dixitalización e a apertura de novas delegacións.  

Foto: Mónica Álvarez, socia directora de Álvarez Real, e Jaime López, secretario da CEL, na sede da Confederación.