Voltar atrás

Escrito o:

Nova xornada de traballo dos importadores alemáns Lugo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) continuou hoxe co programa de actividades da misión comercial inversa de Alemaña que organiza no marco de INTERNOVAMARKET FOOD, un proxecto de cooperación transfronteiriza que busca mellorar a competitividade da cadea de valor do sector agroalimentario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Durante a xornada de hoxe os importadores alemáns, que se atopan aloxados en Lugo, e no ámbito da axenda empresarial, achegáronse ás instalacións de Vinigalicia e da súa adega Vía Romana e ás de Subministracións Megaro Food.

Igualmente, no marco da axenda institucional, achegáronse á Deputación de Lugo, onde tiveron ocasión de reunirse co deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e ao Concello de Lugo, onde mantiveron un encontro coa alcaldesa, Lara Méndez.

Lara Méndez e Pablo Rivera coincidiron en destacar o valor e a calidade dos produtos de Lugo, así como a necesidade de crear fluxos de contactos no exterior para as empresas lucenses e de aprender a colocar os nosos produtos en novos mercados. Igualmente, significaron o potencial turístico de Lugo.

Tras a finalización da rolda de catas e entrevistas de onte, os importadores alemáns coincidiron en sinalar a diversidade das empresas coas que polo momento han contacto, e o valor diferencial das propostas de ?pequenos produtores, cun marcado espírito emprendedor?.

Pontevedra

Mañá, mércores 23, desprazaranse a Pontevedra, concretamente ao municipio das Neves onde, no Hotel Nande, participarán tamén en mesas de cata neste caso de empresas de Pontevedra e tamén Ourense (un total de dezasete), así como no showcooking de Anfaco - Cecopesca coa chef Criselda Igrexas e no que se cociñará con produtos das empresas participantes na misión.  CEP, AGAVI e a AEP colaboran tamén co programa de actos a desenvolver en Pontevedra.

O proxecto INTERNOVAMARKET FOOD está financiado por Fondos FEDER no marco da 1ª convocatoria INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020 e promovido por diferentes organizacións empresariais de Galicia e o Norte de Portugal, entre as que se atopa a Confederación de Empresarios de Lugo.