Voltar atrás

Escrito o:

As empresas galegas presentan os seus produtos a importadores alemáns nunha misión da CEL en Lugo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) iniciou onte o programa de actividades da misión comercial inversa de Alemaña que organiza no marco de INTERNOVAMARKET FOOD, un proxecto de cooperación transfronteiriza que busca mellorar a competitividade da cadea de valor do sector agroalimentario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A xornada de onte, intensiva, incluía a concentración de empresas por quendas, de mañá e de tarde, en mesas de cata e encontros bilaterais nos que as empresas galegas participantes (un total de 18, nove pola mañá e nove pola tarde) tiveron a ocasión de expor, facilitar cata e presentar os seus produtos a un total de cinco importadores alemáns.

Hoxe, martes 22, os importadores visitarán a sede dalgunha das empresas inscritas na misión e manterán encontros institucionais na Deputación Provincial e o Concello de Lugo e mañá, mércores 23, desprazaranse a Pontevedra, concretamente ao municipio das Neves onde, no Hotel Nande, participarán tamén en mesas de cata neste caso de empresas de Pontevedra e tamén Ourense (un total de dezasete), así como no showcooking de Anfaco ? Cecopesca co chef Criselda Igrexas e no que se cociñará con produtos das empresas participantes na misión.  CEP, AGAVI e a AEP colaboran tamén co programa de actos a desenvolver en Pontevedra.

As empresas importadoras de Alemaña buscan en Galicia fundamentalmente de produtos tipo gourmet aínda que tamén algunha distribuidora maior para a canle HORECA (hostalaría, restauración e catering).

Pola súa banda, as empresas inscritas nesta misión pertencen ao sector agroalimentario pero, dentro deste, representan a unha ampla variedade de subsectores: lácteo, pesca, cárnico, viños, licores, conservas ou mel, entre outros, estarán representados ante os importadores alemáns. 

O proxecto INTERNOVAMARKET FOOD está financiado por Fondos FEDER no marco da 1ª convocatoria INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020 e promovido por diferentes organizacións empresariais de Galicia e o Norte de Portugal, entre as que se atopa a Confederación de Empresarios de Lugo.

Máis fotos