Escrito o:
Oportunidades de negocio en Alemania, centro de una jornada de internacionalización de la CEL
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a xornada informativa "Oportunidades de negocio no mercado alemán", organizada no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza Internovamarket Food.
Unha ducia de empresarios déronse cita neste encontro empresarial, que buscaba proporcionar unha visión detallada do mercado alemán, para o que se abordaron cuestións como tamaño do mercado, análise de risco e incentivos ao investimento, réxime fiscal, formas de entrada máis adecuadas, particularidades culturais ou estratexias de negociación.
Alemaña, segundo o FMI e como recolle o ICEX, é o quinto PIB máis grande do mundo (datos de 2017), o terceiro exportador mundial e o seu PIB equivale a aproximadamente ao 20% do total da Unión Europea. Ademais, a saída do Reino Unido da UE incrementaría a importancia relativa de Alemaña nesta área económica. Con máis de 80 millóns de habitantes e unha elevada renda per cápita, trátase tamén ante un dos principais mercados do mundo. É o terceiro importador do mundo (tras EEUU e China) e absorve o 8% do comercio mundial.
A xornada celebrada hoxe, que contou coas achegas de técnicos especializados en comercio exterior de Noroex Consultores e as experiencias no país de Cafés Candeas e Banco Sabadell, é a primeira das accións relacionadas co mercado alemán que a CEL ten organizada para os próximos días. A semana próxima recibirá a unha Misión Inversa de Alemaña.
O proxecto de cooperación transfronteiriza INTERNOVAMARKET - FOOD busca mellorar a competitividade da cadea de valor do sector agroalimentario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Está financiado por Fondos FEDER no marco da 1ª convocatoria INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020 e promovido por diferentes organizacións empresariais de Galicia e o Norte de portugal, entre as que se atopa a Confederación de Empresarios de Lugo.