Voltar atrás

Escrito o:

Relevo na Asociación de Empresarios Promotores de Edificación de Lugo

A Asociación Provincial de Empresarios Promotores de Edificación de Lugo celebrou hoxe reunión da súa asamblea xeral na que, entroutras cuestións, se presentou a nova directiva do colectivo, que conta cun novo presidente, elexido tras reunión asamblearia celebrada con data do pasado 14 de febreiro trala dimisión de David Manuel García Vilela, presidente do colectivo dende a súa fundación en 1992.

García Vilela consideraba que debía abrirse unha nova etapa na asociación empresarial dando paso á nova xeración na súa xestión. Así, sustitúeo na presidencia un empresario novo, Xabier Díaz Díaz, da empresa 2DInvgest S.L.) que estará acompañado na directiva por Manuel Sánchez Varela (CCYCS01 Construcciones y Rehabilitación S.L.), que actuará como delegado do colectivo na zona sur da provincia, e Manuel Rego Bermúdez (Mareber S.L.), como delegado na zona norte, ademáis de José Bouso Alvite (Odegal Inversiones S.L.) como tesoureiro.

Xabier Díaz ponse ó fronte dunha asociación empresarial que representa a un sector que durante estos últimos anos foi especialmente castigado pola crise, co convencemento de que “no actual contexto económico xeral e en especial coa situación que atravesa o noso sector se necesitan máis ca nunca accións asociativas firmes e a máxima colaboración institucional”.

É por esta razón que o colectivo buscará a súa consolidación a través de accións de captación de novos asociados, así como de defensa e apoio á actividade das empresas de promoción inmobiliaria.

Comisión de Infraestructuras e Urbanismo CEOE

Nesta liña, Xabier Díaz Díaz foi tamén nombrado vocal, en representación da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), na Comisión de Infraestructuras e Urbanismo da CEOE, ente máis importante desta organización empresarial para o debate de cuestións de impacto e interese para o sector da vivenda e as infraestruturas, a través da análise da lexislación vixente e en proxecto.