Voltar atrás

Escrito o:

Os empresarios de Lugo reúnense co presidente de Bankia

Empresarios de Lugo participaron onte nun xantar - coloquio co presidente de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri, organizado no Pazo de Mariñán (Bergondo) pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). No transcurso do mesmo expúxose a posibilidade dunha próxima colaboración da entidade financeira e a CEL, dado o interese de Bankia en ampliar a súa presenza entre as empresas galegas en xeral e lucenses en particular.

O presidente de Bankia, que deu unha charla sobre as perspectivas de futuro do sector, defendeu no transcurso deste encontro que "un sistema financeiro sólido é necesario para asegurar un crecemento sustentable da economía que, á súa vez, é o medio para asegurar un mellor nivel de vida aos cidadáns e a condición necesaria para loitar contra o desemprego".

José Ignacio Goirigolzarri apuntou tamén que, actualmente, a rendibilidade da banca española "está por baixo do custo de capital", situación que "non é sustentable no tempo". Esta circunstancia podería levar a que o sistema financeiro estivese infracapitalizado e, como consecuencia, "non podería incrementar a súa carteira de crédito e financiar á economía, sendo un freo ao seu desenvolvemento".

"A sociedade non debe pensar que os bancos non deben gañar diñeiro. Os bancos deben ter unha rendibilidade axustada, porque os bancos non rendibles, ou con rendibilidade insuficiente para atraer capital, non poden financiar o crecemento da economía", defendeu. Para Goirigolzarri, manter unha permanente sospeita sobre o sistema financeiro fai que "se poidan tomar decisións que, aínda que no curto prazo cultiven aplausos, ao final sexan malas para o conxunto da sociedade".

"Creo profundamente nun modelo de sistema financeiro que sexa rendible e transparente. Un sistema financeiro que atopa a súa xustificación no servizo aos clientes, porque sen eles non hai postos de traballo, nin soldos, nin lexitimidade", indicou. Neste sentido, expuxo a necesidade de "preocuparse e ocuparse" da reputación do sector "escoitando o que a sociedade nos está reclamando" porque, recoñeceu, "a sociedade está moi decepcionada co funcionamento do sistema financeiro durante a crise económica". 

"Cando miramos ao futuro, o primeiro que debemos asegurar é que os nosos comportamentos responden a uns valores e principios claros e definidos, o que esixe excelentes prácticas de goberno corporativo", subliñou para apuntar que hai que "explicar á sociedade cal é a utilidade do sistema bancario". A partir de aí, remarcou que "o obxectivo" de Bankia é converterse "na entidade preferida pola sociedade", o que pasa por ser "o banco máis rendible, máis eficiente e máis solvente de España".

Maior presenza

Pola súa banda, o presidente da Confederación da Coruña, Antonio Fontenla, sinalou que a boa saúde dos bancos tamén é esencial para a boa marcha da economía, e propuxo a Bankia que no seu maior presencia en Galicia arrisque "con novos produtos e apoiando os plans de negocio dos empresarios".