Escrito o:
ABANCA e a CEL atopan novas fórmulas para impulsar o tecido produtivo lucense
ABANCA e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) asinaron esta mañá un novo acordo de colaboración en materia financeira grazas ao cal as empresas asociadas terán á súa disposición condicións especiais nos servizos bancarios empregados na súa actividade.
O secretario xeral da patronal de empresarios de Lugo, Jaime Luis López, e o director territorial de ABANCA en Lugo, Javier Soto, rubricaron un acordo que confirma o apoio de ABANCA aos empresarios galegos en xeral e da provincia de Lugo en particular.
O protocolo contribúe ao desenvolvemento da actividade dos empresarios poñendo á súa disposición os produtos e servicios financeiros máis adecuados para dar resposta as súas necesidades, e contando coas mellores condicións. Así, destacan os préstamos para anticipar subvencións ou aprazar o pago de impostos, sen xuros ou comisións. O texto tamén recolle outras opcións de financiamento a través de pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto comercial.
Desde as oficinas de ABANCA tamén se facilitará información relativa ás opcións de financiamento do Plan Activamos, unha iniciativa conxunta entre o banco e a Deputación de Lugo que inclúe liñas de crédito a intereses baixos para facilitar o emprendemento, os novos investimentos, a creación de emprego ou actuacións de mellora enerxética das pemes e os autónomos da provincia.
Do mesmo xeito, os membros da CEL poderán desfrutar das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos. ABANCA está adherida á liña de convenio ‘Empresas e Emprendedores’ co ICO, mediante o cal as empresas poderán dispoñer de recursos financeiros para acometer os seus proxectos de investimento e cubrir as súas necesidades de liquidez no ámbito doméstico. Tamén poderán gozar das vantaxes do acordo do banco coa sociedade galega de garantía recíproca, Afigal.
Así mesmo, para facilitar a competitividade dos asociados, os clientes terán a súa disposición o servizo de financiamento no punto de venta de ABANCA, o chamado APRAZOS. Grazas a este servizo pódense financiar as compras de forma rápida, sinxela e económica.
O texto asinado tamén recolle unha oferta mellorada para a contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade e Bonos que permiten que os negocios paguen unha cantidade fixa todos os meses, incluíndo un volume de vendas pactado que se corresponde co que os comercios estiman facturar anualmente a través do TPV.
Así mesmo, os empresarios lucenses poderán beneficiarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA poñerá ademais a disposición da asociación o seu servizo de banca electrónica.
O acordo incluso permite que aqueles empresarios que estean a pensar ampliar o seu negocio á venda por Internet poidan gozar dun desconto do 20% na creación dunha tenda online, grazas a un acordo de ABANCA coa empresa Palbin.
Doutra banda, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos asociados e dar unha atención máis personalizada a este colectivo, o banco poñerá á súa disposición persoal especializado en xestión de seguros, quen informará das pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada membro.
A Confederación de Empresarios de Lugo fundouse no ano 1977 co obxectivo de representar, defender e promocionar os intereses económicos, sociais e profesionais das empresas de Lugo e, en xeral, o desenvolvemento económico e social da provincia. Pola súa banda, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas na comunidade e cunha oferta adecuada para autónomos e pemes.