Escrito o:
Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo 2019
Este domingo, día 28 de abril, conmemórase, un ano máis, o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha data que busca promover a prevención dos accidentes do traballo e as enfermidades profesionais en todo o mundo. Trátase dunha campaña de sensibilización que desenvolve anualmente a Organización Internacional do Traballo (OIT) con ánimo de centrar a atención internacional sobre a magnitude do problema dos riscos laborais e sobre como a creación e a promoción dunha cultura da seguridade e a saúde pode axudar a reducir o número de mortes e lesións relacionadas co traballo.
Este ano, e con motivo do centenario da OIT e das discusións sobre o futuro do traballo, o Día Mundial "quere facer balance de 100 anos nos que a Organización traballou para mellorar a seguridade e saúde no traballo, e mirar cara ao futuro para continuar con estes esforzos a través dos importantes cambios que se están producindo en ámbitos como a tecnoloxía, a demografía, a organización do traballo e o cambio climático".
Nesta liña, a OIT presentará un informe global que pretende recoller a evolución da seguridade e saúde no traballo desde antes da fundación da OIT en 1919 até o día de hoxe e profundará en "os cambios nas modalidades de emprego, a tecnoloxía (dixitalización e CIT, traballo en plataformas dixitais, automatización e robótica), a demografía, a globalización, o cambio climático e outros impulsores que afectan á dinámica da seguridade e saúde e á natureza das profesións afíns, sen esquecer os riscos e as variacións recoñecidas e recorrentes que persisten nos países en desenvolvemento e nos países desenvolvidos".
Dende a Confederación de Empresarios de Lugo coincidimos coa OIT na necesidade de analizar os retos que afectan o futuro da seguridade e a saúde das persoas nas contornas de traballo, e non sumamos a esta campaña divulgativa co convencemento de que a difusión dunha adecuada cultura preventiva é o primeiro paso dos retos que afectan á prevención de riscos laborais.
Lembramos que a CEL desarolla este ano o programa Prevención Plus 2019: Asistencia, Información e Promoción, financiado pola Fundación Estatal de Prevención de Riscos Laborais, a través do que, entre outras accións, pon en marcha un Gabinete de Asistencia Técnica para Pemes, a través do que se ofrece atención personalizada a pemes con dúbidas en materia de xestión preventiva.