Escrito o:
Taller práctico sobre axudas á innovación na Fundación CEL
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organiza en Lugo un taller práctico sobre a convocatoria 2019 dos seus programas de axudas Principia e Innova Peme, orientados a impulsar a innovación por parte das microempresas e pemes galegas. O taller terá lugar nas instalacións da nosa Fundación o próximo día 27 de febreiro, mércores, en horario de mañá (a partir das 9:30 horas), e inclúe a posiblidad de concertar reunións bilaterais.
A través do Programa Principia búscase facilitar ás empresas e centros de coñecemento galegos axudas a fondo perdido para a contratación de persoal para a realización de actividades de I+D+i en áreas das consideradas estratéxicas para Galicia. Cada contratación, que haberá de ser realizada por un período mínimo dun ano, subvencionarase con 10.000 euros.
Pola súa banda, Innova Peme son axudas a fondo perdido para microempresas e pemes de Galicia destinadas ao financiamento do custo das actividades integradas en plans de innovación, que cada empresa solicitante destas axudas debe elaborar e presentar de acordo a un modelo tipo que se incluirá na propia convocatoria de axudas para facilitar a súa preparación. Estes plans de innovación permitirán ás empresas sistematizar os seus procesos de innovación, e han de estar aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.
As axudas que se establecen no marco do programa Innova Peme terán unha intensidade do 50% do orzamento subvencionable de cada plan de innovación, oscilando entre os 40.000 e os 100.000 euros, segundo o custo do plan presentado. Poderá destinarse a financiar custos de persoal, adquisición de licenzas de propiedade industrial ou equipamento e material instrumental, servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación, obtención de patentes e outros activos inmateriais, entre outros.