Escrito o:
O 35% dos participantes no programa integrado de emprego da CEL xa foron contratados
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe o acto de entrega dos diplomas que acreditan a formación recibida polos participantes no programa integrado de emprego Lánzate E-Emprega Lugo, desenvolvido por esta entidade cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que incluía accións de orientación laboral, prospección de emprego, formación, prácticas en empresas, tutelaxe e acompañamento individualizado no proceso de inserción laboral.
Esta iniciativa contou cunha dotación económica total de 231.800 euros, cofinanciados entre as dúas entidades promotoras, CEL (nun 12%) e Xunta de Galicia (no 88% restante).
O programa Lánzate e-Emprega Lugo vén desenvolvéndose na CEL dende decembro de 2017. Subdividíase en diferentes fases, desde un estudo o mercado laboral provincial inicial á propia selección dos participantes, que viñan de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral (por idade, baixa cualificación, procedencia social -inmigrantes e outros colectivos en risco de exclusión-, con discapacidade, etc.), até a orientación, formación e inserción efectiva vía prácticas e contacto con empresas para a súa contratación.
Na última fase, que se está pechando nestes momentos, xa se acadou que un 35% dos participantes accedesen a un contrato de traballo e séguese traballando para facilitar a entrada de todos os beneficiarios do plan no mundo laboral.
No acto de entrega dos diplomas estiveron presentes Ramón Carballo Páez, xefe territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, e Jaime López, secretario xeral da CEL, que destacaron a importancia da cualificación deste programa de cara a mellorar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo.
Formación
Unha das fases con maior peso no plan de emprego foi a de formación, que se subdividía en transversal e específica e que podía recibirse vía teleformación ou presencial, dependendo das circunstancias dos participantes. A transversal, que no caso da presencial tivo lugar nas instalacións do Centro de Formación da organización empresarial en Lugo e nos locais do Conservatorio do Concello de Viveiro, buscaba capacitar aos participantes en habilidades e técnicas de procura de emprego, informática e internet, procedementos telemáticos, inglés básico, técnicas de motivación persoal, emprendimiento, xénero e igualdade de oportunidades.
A específica foi deseñada pola CEL tendo en conta as necesidades das empresas da provincia en materia de contratación. Concretamente, dividiuse aos participantes do plan segundo a súa formación e intereses para capacitarlles nas seguintes especialidades: Operario de Servizos Múltiples (que inclúe a formación do carné de carretillero, uso de plataformas elevadoras, loxística de almacén ou prevención de riscos laborais); Operacións Básicas de Restaurante e Bar (que inclúe formación do carné de manipulador de alimentos, servizos básicos para atención en restaurantes e bares e recepción e servizos de catering); Silvicultura e Mantemento de Zonas Verdes (no que se facilita formación do carné de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios ou preparación e mantemento de xardíns e zonas verdes, entre outras cuestións) e, finalmente, Condutor de Mercadorías - Repartidor (que habilita aos alumnos no certificado de aptitude profesional do transporte, o manexo seguro de carretillas elevadoras e estiba e desestiba con condicións de UNE de cargas).
Todos estes cursos específicos, de 240 horas de duración cada un, incluiron, ademais, un período do de prácticas non laborais en empresas relacionadas coas materias de referencia de cada acción. Impartíronse tres especialidades en Lugo (todas menos restauración) e, en Viveiro, a de restauración.
A maiores, e a petición expresa dos propios usuarios, engadiuse na fase final un curso específico e práctico de informática básica.
Inserción
O programa integrado de emprego Lánzate e-Emprega Lugo tamén incluía un proceso de asesoramento personalizado vía entrevistas individualizadas e sesións colectivas de orientación laboral, así como unha parte final, na que se atopa agora, de tutelaxe e acompañamento personalizado e individualizado a cada un dos participantes do plan no proceso de procura de emprego, co obxectivo de acadar a súa efectiva inserción laboral a través dun contrato de traballo (o que lograron xa o 35% dos beneficiarios).