Escrito o:
AJE Lugo e a Asociación de Mulleres Empresarias colaborarán con Cáritas
As asociacións de Xóvenes Empresarios e de Mulleres Empresarias de Lugo (AJE Lugo e AELU respectivamente) veñen de subscribir un convenio de colaboración con Cáritas Diocesana de Lugo, para participar no seu proxecto Empregáte.
Esta iniciativa de Cáritas busca fomentar o autoemprego como saída laboral entre desempregados con especiais dificultades de inserción. Para iso, e grazas a un doante anónimo, concederá financiamento a un máximo de oito proxectos a través de microcréditos de 6.000 euros.
Concretamente, Emprégate está dirixido a mulleres, inmigrantes, novas e desempregados de longa duración que decidan crear o seu propio traballo e teñan unha idea de negocio viable.
Para inscribirse, os interesados deberán ser previamente atendidos polo Programa de Emprego de Cáritas.
Comité de Expertos
Para a valoración da viabilidade dos proxectos e o apoio aos futuros emprendedores durante as primeiras fases de posta en marcha, constituirase un comité de expertos no que participarán conxuntamente técnicos do Programa de Emprego de Cáritas e representantes de AJE Lugo e AELU, así como como outros profesionais coñecedores da realidade empresarial.
Na fase inicial do programa, realizaranse xornadas de promoción do autoemprego (as primeiras os días 1 e 2 de abril na sede de Cáritas Lugo). Por outra banda, en base a este programa, os futuros emprendedores recibirán tamén formación específica sobre a realización dun Plan de Empresa, trámites de constitución ou ferramentas de xestión.
Imaxe: AJE Lugo