Escrito o:
Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo 2018
Mañá sábado, día 28 de abril, conmemórase, un ano máis, o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha data que busca promover a prevención dos accidentes do traballo e as enfermidades profesionais en todo o mundo. Trátase dunha campaña de sensibilización que desenvolve anualmente a OIT con ánimo de centrar a atención internacional sobre a magnitude do problema dos riscos laborais e sobre como a creación e a promoción dunha cultura da seguridade e a saúde pode axudar a reducir o número de mortes e lesións relacionadas co traballo.
Este ano, o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo fusiónase co Día Mundial contra o Traballo Infantil nunha campaña conxunta para mellorar a seguridade e a saúde dos traballadores novos e pór fin ao traballo infantil.
Segundo recolle na páxina da OIT, "a campaña ten como obxectivo acelerar a acción para alcanzar o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable 8, en particular a meta 8.8 de promover contornas de traballo seguros para todos os traballadores para 2030 e a meta 8.7 de pór fin a todas as formas de traballo infantil para 2025". Considera a OIT que para "lograr estes obxectivos en beneficio da futura xeración da forza de traballo requírese adoptar un enfoque concertado e integrado para a eliminación do traballo infantil e a promoción dunha cultura de prevención en materia de seguridade e saúde no traballo".
A OIT lembra tamén que "os 541 millóns de persoas novas traballadoras de 15 a 24 anos (entre as cales se contan 37 millóns de nenos e nenas en situación de traballo infantil perigoso) representan máis do 15 por cento da forza laboral mundial e sofren ata un 40 por cento máis de lesións ocupacionais non mortais que os traballadores adultos de máis de 25 anos". Sinala igualmente que "moitos factores poden aumentar a vulnerabilidade das persoas novas aos riscos no traballo, como a súa etapa de desenvolvemento físico e psicolóxico, a falta de experiencia laboral e de capacitación, a limitada conciencia dos perigos relacionados co traballo e a falta de poder de negociación que pode levar aos traballadores novos a aceptar tarefas perigosas ou malas condicións de traballo".
Desde a Confederación de Empresarios de Lugo coincidimos coa OIT en destacar, con esta campaña, "a vital importancia de abordar estes desafíos e mellorar a seguridade e a saúde dos traballadores novos, non só para promover o emprego xuvenil decente, senón tamén para vincular estes esforzos na loita contra o traballo infantil perigoso e todas as outras formas de traballo infantil"