Voltar atrás

Escrito o:

Aniversario da CEL e a Fundación CEL: música, homenaxe e un anuncio para vender o Feito en Lugo


A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a súa fundación para emprendedores, a Fundación CEL Iniciativas por Lugo celebraron o día 26 de outubro os actos conmemorativos do seu cuadraxésimo e vixésimo aniversario, respectivamente, no Centro Cultural "O Vello Cárcere" de Lugo, coa asistencia de máis dun centenar de invitados entre os que se atopaban o presidente de Cepyme, Antonio Garamendi; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; ou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outros.

O programa de actos dividiuse nunha primeira parte, cun concerto da orquestra de cámara Lugo Camerata (LUCA), e unha segunda parte de carácter máis institucional, presentada polo xornalista Pepe Seijo, na que se procedeu á entrega da insignia de ouro da CEL a catro empresarios e presentouse un vídeo publicitario rodado integramente Lugo, nas instalacións dalgunhas das empresas máis punteiras da provincia.

Insignia de ouro

Concretamente, recibiron esta distinción Álvaro Rodríguez Eiras, como primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Lugo e, por tanto, impulsor e cabeza visible dos comezos do movemento asociativo empresarial en Lugo. Rodríguez Eiras recibiu a medalla de mans do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.

Jesús Quintá García, que foi a cabeza visible do consello de administración da CEL ata recentemente, recibiu esta distinción, de mans do Conselleiro de Economía, Industria e Emprego, pola súa implicación nos órganos directivos da entidade e por comandar unha das empresas representativas do mundo rural, Alibós, que aposta pola internacionalización, a innovación e a posta en valor dos recursos propios. 

Tamén lle foi outorgada a distinción dourada da CEL a Carmen Castelao Muiña, membro activo durante anos da CEL e os seus órganos de goberno, e unha das directivas que máis contribuíu a dar visibilidade á muller empresaria en Lugo. Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, foi a responsable de entregar esta distinción á homenaxeada.

Finalmente, recibiu a distinción, a título póstumo, David Manuel García Vilela, pola súa implicación nas organizacións empresariais da provincia, impulsor e presidente da Asociación de Promotores de Edificación de Lugo e integrante activo dos órganos directivos da CEL tamén durante anos. Recolleu a insignia a súa viúva, Aurora Díaz, de mans de Branca García Montenegro, presidenta de honra da Fundación CEL Iniciativas por Lugo.

Fortalezas empresariais

Aproveitando a conmemoración do aniversario, a CEL presentou publicamente un anuncio publicitario rodado integramente na provincia de Lugo, nas instalacións dalgunhas das empresas máis punteiras, que busca servir de "escaparate audiovisual" das fortalezas empresariais de Lugo. O vídeo, dispoñible de momento en español, terá tamén versión para a súa difusión en misións internacionais, en inglés, e versión en galego.

En palabras do conselleiro delegado da CEL, Eduardo Valín, o vídeo busca "mostrar, aquí e noutras latitudes, toda a nosa riqueza empresarial, o que podemos ofrecer -e ofrecemos-, o que nos define como empresarios dunha provincia ligada á terra e ao océano, ás raíces que son a nosa esencia, pero tamén a novas apostas que supoñan unha evolución, un cambio mirando cara ao futuro. Apostas que conxugan paixón e innovación e, sen dúbida, o talento das xentes da nosa terra".

Valín Fernández destacou tamén que "non están todas as empresas que son motivo de orgullo para Lugo, pero tratamos que a través destas imaxes estivesen representados todos os sectores que hoxe están a tirar da economía provincial: o madeireiro, o pesqueiro, o lácteo, o vitinícola, o cárnico, o agroalimentario en xeral, que son carta de presentación e os máis coñecidos quizais por todos, polo seu maior percorrido e clara vinculación á contorna". Igualmente, están representados outros sectores como "comunicación, enerxía, aeronáutico ou o turístico".

Na súa intervención Eduardo Valín destacou igualmente como aumentaron as exportacións na provincia na última década "nin máis nin menos que nun 83,54%", o traballo da Fundación CEL durante o seu vinte anos de vida en cuxo viveiro, considerado un dos mellores de España por FUNCAS, "ha incubado a case un centenar de empresas, que supuxeron a creación de máis de 600 postos de traballo directos e máis de 26 millóns de euros de investimento inducido". Lembrou, igualmente, vellas (e á vez novas) demandas da entidade como a finalización das conexións por autovía con Lugo e Santiago, o Porto Seco de Monforte ou unha Autoridade Portuaria propia para a provincia de Lugo.