Voltar atrás

Escrito o:

Jim Sports, galardonada con el II Premio CEL - ABANCA

O II Premio CEL - ABANCA vaise este ano para Palas de Rei: as entidades promotoras, a Confederación de Empresarios de Lugo e ABANCA, decidiron outorgalo este ano a Jim Sports, "pola súa aposta constante pola innovación e a calidade, que a converteron nunha empresa punteira, capaz de facer chegar os seus artigos deportivos a multitude de países desde a provincia de Lugo".

Desde CEL e ABANCA consideran a Jim Sports como unha empresa de referencia na actividade empresarial da provincia, por canto aposta por un sector, a fabricación e distribución de artigos deportivos, novo non só neste territorio, senón tamén no conxunto da comunidade autónoma e mesmo do país. De feito, resaltan, Jim Sports ten en Palas o maior centro loxístico para distribución de artigos deportivos de toda España.

Representantes de CEL e de ABANCA elixiron esta empresa en reunión mantida hoxe por considerala, en definitiva, "un exemplo a seguir para outras empresas e emprendedores da provincia". "Sen dúbida -suliñan- hai máis empresas que a día de hoxe están 'creando escola' sobre como xerar emprego e impulsar a creación de riqueza na provincia, pero hai que seleccionar unha e este ano quedámonos con Jim Sports pola súa capacidade de sorprender constantemente con novos produtos e pola súa aposta por un municipio da provincia de Lugo para a consolidación e expansión da súa actividade".

Os representantes de CEL e ABANCA tamén queren recoñecer con este premio a Jim Sports o labor do Concello de Palas de Rei, do seu alcalde e equipo de traballo, no ámbito do apoio e impulso á actividade económica no municipio, atraendo o investimento de empresarios dinámicos e con visión de futuro, cuxa implantación en Palas de Rei sen dúbida está a ter un impacto positivo na zona, coa creación de postos de traballo e a atracción novas investimentos. Nos últimos anos non só Jim Sports apostou por Palas, senón tamén García Baquero, e outras empresas que amplían actividade e destacan no seu sector como Granxa Campomayor ou Biopalas.

Esta mellora empresarial do municipio é sen dúbida froito da aposta do Concello polo apoio ao investimento empresarial a través de bonificacións e beneficios fiscais ás empresas instaladas no polígono, así como a habilitar subvencións específicas para o fomento da actividade empresarial, entre outras accións.

O Premio CEL - ABANCA habilítase en virtude dun acordo máis amplo subscrito entre ambas as entidades en e orientado a estreitar a colaboración en actividades que redunden no progreso económico e a mellora social da provincia de Lugo. Entre estas actividades estableceuse este galardón, dotado con 1.500 euros e que ten por obxectivo "impulsar e dinamizar a cultura emprendedora e o tecido empresarial na provincia de Lugo". O pasado ano, na súa primeira edición, recaeu en Miramar Cruises, axencia en liña de viaxes en cruceiro impulsada e desenvolvese desde o viveiro de empresas da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo.

O acto de entrega do cheque coa dotación do premio e diploma acreditativo terá lugar despois do verán, nun acto público que probablemente se celebrará no propio municipio de Palas de Rei.

Jim Sports

Jim Sports é unha empresa que vén de centralizar a súa actividade en Palas de Rei, que conta cun persoal de ao redor dun centenar de persoas, algunhas das cales veñen de incorporarse tras a posta en marcha das súas novas instalacións, que ocupan uns 22.038 metros cadrados no polígono industrial de Pas e supuxeron un investimento duns 6 millóns de euros. Exporta xa a máis de trinta países e conta cunha decena de marcas propias, especializadas en diferentes deportes. É unha empresa que aposta, ademais, pola calidade e o coidado do medio ambiente na súa actividade, e así o acreditan as súas diferentes certificacións ISO.