Voltar atrás

Escrito o:

O secretario da CEL resalta a vixencia do relevante papel das asociacións de empresarios nunha xornada de BNI Galicia

O secretario xeral da CEL, Jaime López, participou na tarde de onte en Vigo nun encontro empresarial de BNI Galicia, unha rede empresarial internacional, con presenza en sesenta e seis países, estruturada en grupos de empresas con posibles intereses de negocio en común, cun relatorio sobre colaboración entre asociacionismo empresarial e redes profesionais de networking.

Jaime López destacou na súa intervención que moitas das asociacións empresariais españolas cumpren xa corenta anos de servizo aos empresarios, pois a súa constitución foi posible grazas á Lei de regulación do Dereito de Asociación Sindical aprobada en 1977 e subliñou que "as organizacións empresariais non son unha asociación máis" pois a propia Constitución Española colócaas nun nivel diferente, entre os alicerces básicos do Estado, ao referirse a elas "no seu Título Preliminar", fixando o seu papel e subliñando que "sindicatos de traballadores e asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lle son propios".

Subliñou que ese recoñecemento se efectuou nun momento histórico moi concreto, a Transición, no que era necesario "que nacesen institucións que actuasen como representantes e referentes de colectivos que tiñan intereses comúns e necesitaban unha voz forte", recalcando que, aínda que a contorna cambiou "esa necesidade continúa vixente".

Destacou que "as organizacións empresariais naceron para exercer e seguen exercendo un papel insubstituíble na negociación colectiva, no diálogo social, en representar os intereses empresariais ante os demais axentes sociais" e que, "á marxe deste papel, cóbrense necesidades adicionais dos empresarios" como "de asesoramento xurídico ou laboral, de consello económico, de información" e, por suposto "de networking ou xeración de redes de contactos".

Jaime López lembrou que "dende o nivel máis pequeno da asociación de comerciantes dun municipio, ata o nivel máis alto das confederacións, precisamente una das actividades que caracterizou ás organizacións empresariais foi a de xerar coñecemento entre os nosos asociados, buscar o seu encontro empresarial; xerar, en definitiva, oportunidades de negocio".