Voltar atrás

Escrito o:

Curso Superior de Publicidade e Marketing

O vindeiro sábado terá lugar a primeira sesión, presencial, do Curso Superior de Publicidade e Marketing da CEL, primeira acción formativa do Plan de Formación Intersectorial 2012-2013 desta organización empresarial.

O resto das 265 horas formativas deste curso, no que participarán un total de 15 alumnos, impartiranse na modalidade de formación online, vía plataforma web.

O programa do curso, que finalizará o día 13 de abril de 2013, inclúe formación específica sobre diferentes estratexias de mercadotecnia, con especial atención aos cambios que introducen as novas tecnoloxías nesta área de actividade interna das empresas. Capítulo á parte merece, ademais, o comercio electrónico.

O obxectivo final desta acción formativa é que o alumnado chegue a identificar correctamente ao público obxectivo dos produtos e/ou servizos da súa empresa, así como a recoñecer e aplicar as estratexias máis adecuadas para unha correcta xestión dos seus recursos comerciais, logrando aumentar a carteira de clientes e, o que é máis importante no actual momento de crise económica, conquistando a satisfacción e fidelización dos actuais.

Importancia da estratexia comercial

A crise económica pode levar ás empresas, en especial ás de pequeno e mediano tamaño, a descoidar a estratexia comercial do seu negocio en atención a outras cuestións que a incerteza económica converte en prioritarias. Trátase dun erro, posto que a ausencia dunha adecuada estratexia comercial pode significar unha perda de posición competitiva da peme dificilmente recuperable con posterioridade. De aí a importancia de proporcionar formación adecuada aos recursos humanos da empresa responsables da política comercial da mesma.