Escrito o:
As principais empresas de Lugo danse cita nun foro da CEL para debatir sobre o futuro da provincia
Representantes dunha vintena de empresas de Lugo déronse cita hoxe no novo restaurante das Gándaras nun xantar de traballo organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), co apoio de Abanca, para debater sobre o futuro da provincia de Lugo e outros temas de actualidade que preocupan aos empresarios lucenses.
Entre as cuestións que saíron a relucir no encontro destacaron a necesidade de axuntar esforzos entre as empresas da provincia de face a impulsar iniciativas que supoñan un beneficio social e económico colectivo.
Entre estas iniciativas, segundo destacan desde a CEL, segue tendo especial peso a necesidade de peche de ciclos produtivos e o respaldo a proxectos relacionados co ámbito rural e sectores como o lácteo, o alimentario, o forestal, o turístico ou o de novas tecnoloxías, así como concienciar aos responsables públicos sobre a estructuración territorial vía adecuadas infraestruturas de comunicación.
O illamento da provincia continúa sendo tamén un cabalo de batalla para os empresarios de Lugo: consideran que "a morna ou nula aposta de sucesivos gobernos por interconectar os principais núcleos urbanos desta provincia co resto de núcleos urbanos da comunidade galega, así como a deficitaria conexión de Lugo co resto do territorio nacional, seguen supondo un lastre difícil de afrontar para fomentar o investimento por parte de novas empresas na provincia".
A situación de crise económica aparcou durante un tempo estas demandas, pero na actual conxuntura as empresas lucenses consideran prioritaria unha aposta por infraestruturas básicas "que reduzan os tempos de chegada aos principais portos e terminais de mercadorías? e que faciliten igualmente o traslado de persoas entre capitais de servizos cada vez con maiores interdependencias e necesidades de conexión habitual.
Novo goberno e UE
A parálise gobernamental do país tamén tivo cabida nesta cita: as dificultades para formar goberno, a incerteza sobre outra posible convocatoria electoral ou a falta de orzamento para 2017 son cuestións moi presentes na axenda empresarial, polas trabas que esta indefinición impón para a actividade económica.
Os cambios a nivel social e político, as fisuras na Unión Europea e a súa influencia na actividade exterior das empresas, as dificultades á internacionalización ou a necesidade de definición normativa para sectores nacentes foron outras das cuestións abordadas polos empresarios de Lugo nun distendido xantar no que, por suposto, tamén estivo presente a crise institucional que veñen sufrindo partidos políticos e organizacións sindicais e empresariais.
Nesta liña, desde a CEL sublíñase a unidade de acción que sempre caracterizou ás empresas lucenses, máis necesaria que nunca nun territorio necesitado de estímulos e apoios.
Entre as empresas convidadas ao foro empresarial de hoxe atopáronse Abanca, Alibós Galicia, Audi Gándara Montor, Cafés Candeas, Caixa Rural Galega, Condes de Albarei, Conxelados Sariego, Embutidos Montepicato, Estrela Galicia, Frisaqués, Grupo Soluk, Grupo Norbel, Ingapán, Leite Río, Limpezas San Froilán, Ambiental Lucense, Santander Consumer, Sariego, Oficina Contable, Transportes Valín, Viesgo ou Vinigalicia.