Voltar atrás

Escrito o:

As confederacións empresariais de Lugo e Pontevedra cooperarán en materia de internacionalización

O conselleiro delegado da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jesús Quintá, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros Arce, rubricaron hoxe na sede central da CEL un acordo marco de colaboración en materia de formación, cooperación transfronteiriza e internacionalización.

Trátase do primeiro acordo bilateral entre ambas as organizacións, subscrito con motivo da primeira visita institucional que o actual presidente da CEP realiza a Lugo e á organización empresarial lucense.

Segundo o convenio asinado, "ambas as organizacións empresariais buscarán, para un mellor cumprimento dos seus fins, unha colaboración estreita para a posta en marcha de programas de carácter transfronteirizo con Portugal que poidan redundar en beneficio da actividade económica das provincias de Lugo e Pontevedra e, polo tanto, na mellora do seu tecido empresarial".

CEL e CEP colaborarán tamén na posta en marcha de calquera acción (xornadas divulgativas, de formación, misións comerciais, entre outras) que contribúa a fomentar ou afianzar a internacionalización das empresas de ambas as provincias.

Por outra banda, axuntarán esforzos para "a posta en marcha de plans de formación e emprego de ámbito nacional destinados a desempregados, traballadores, empresarios, autónomos e emprendedores", así como no desenvolvemento de "actividades que en conxunto poidan contribuír nunha mellora dos intereses das súas entidades e empresas membro".

Na xornada de hoxe o presidente da CEP aproveitou a súa viaxe á cidade amurallada para entrevistarse non só con directivos da CEL, senón tamén coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, Darío Campos.