Escrito o:
Novos cursos en marcha
Mañá iníciase o noso Plan de Formación Intersectorial 2012-2013 coa sesión presencial do Curso Superior de Publicidade e Marketing, que terá lugar na Escola de Empresarios e Centro de Formación da entidade.
Este curso forma parte do Plan de Formación Intersectorial 2012 - 2013 que a CEL pon en marcha a partir deste mes de decembro. Dirixido prioritariamente a traballadores en activo, tamén poden participar desempregados sempre que non superen o máximo do 40% do total do alumnado. Poden asemade inscribirse traballadores das Administracións Públicas, a condición de que a súa participación non supere o 10% do alumnado total dos cursos.
Case 4.000 horas de formación
En virtude deste programa formativo, a CEL impartirá un total de 3.815 horas de formación a 543 alumnos, que participarán en máis dunha vintena de cursos de carácter totalmente gratuíto, posto que están financiados polo Fondo Social Europeo, ao amparo da orde para o financiamento de Plans de Formación Intersectoriales da Consellería de Traballo e Benestar.
Respecto das materias, priorizáronse as accións de formación máis demandadas en anteriores convocatorias, como recursos humanos, do que se oferta o curso superior, prevención de riscos laborais ou seguridade alimentaria. No entanto, tamén se inclúen cursos de temática nova, en resposta a novas necesidades formativas ou en atención á situación económica actual, como community manager, programación para dispositivos móbiles, alemán ou xestión de impagados.
Modalidades
As modalidades de impartición destes cursos, cuxa execución se iniciará o día 1 de decembro e prolongarase até o mes de maio, son preferentemente teleformación e mixta (que combina sesións presenciais e de teleformación), a excepción do curso de alemán, que será integramente presencial.
A correcta finalización do programa formativo de cada curso dará dereito ao alumno participante a un diploma acreditativo oficial, expedido pola Xunta de Galicia.
Inscrición
A inscrición nalgún dos cursos deste plan aínda está aberta; haberá de tramitarse obrigatoriamente a través da páxina web da Confederación para este plan formativo.