Escrito o:
Convenio para fomentar a entrada das empresas lucenses no mercado estadounidense
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) vén de asinar un acordo de colaboración con Spain - United States Chamber of Commerce, a Cámara de Comercio de España en USA, con sede en Miami, para fomentar a entrada das empresas da provincia de Lugo no mercado estadounidense.
O acordo, de especial interese para empresas do sector agroalimentario, formalizouse tras os diversos contactos mantidos pola CEL con esta entidade, entre o director executivo de Spain Us Chamber of Commerce, Javier Pérez, e o secretario da Confederación, Jaime López.
Spain - United States Camber of Commerce é unha organización dedicada a "destacar a transcendencia da contribución das empresas españolas a Florida e Estados Unidos, así como a fomentar os negocios e o comercio entre ambos os países".
Servizos
En virtude do convenio subscrito, as empresas lucenses interesadas en introducir os seus produtos ou servizos en Estados Unidos poderán optar a unha ampla carta de servizos especializados para a entrada neste país, entre os que destacan: rexistro FDA (Food & Drug Administration), servizo como axente residente en EEUU, aviso de actualización bianual do rexistro FDA, notificacións de interese da FDA ás empresas, realización de informes de etiquetaxe, realización de informes sectoriais personalizados, fío directo con FDA para emerxencias en aduanas ou aviso de noticias relevantes referentes a cambios na normativa FDA e tendencias do sector agroalimentario.
O acordo tamén contempla servizos de consultoría import - export especializada e personalizada ou descontos e eventos e mostras do sector organizados pola Cámara de Comercio de España ? EEUU.
A fin de garantir a máxima cobertura das necesidades da empresa á hora de lanzarse ao mercado americano, o convenio tamén contempla a posibilidade de acceder a servizos internacionais adicionais como servizo de domicilio legal e fiscal, redacción de contratos internacionais, enquisas de prospección de mercado ou informes sectoriais suxestións para a adaptación do produto ao mercado americano, entre outros.
A título individual, as empresas tamén poderán optar a servizos legais e loxísticos como consultoría integral relacionada con visados, de mantemento societario e xestión corporativa, planificación fiscal internacional, almacenaxe de produtos ou transporte loxístico.
A nivel grupal, as empresas lucenses poderán sumarse tamén en virtude deste acordo a misións comerciais ou a seminarios informativos sobre o mercado americano e as súas singularidades, entre outros eventos.
Seminario FDA
Ambas as entidades xa están a colaborar en accións conxuntas, como a posta en marcha dun seminario formativo sobre certificacións FDA en Lugo, que terá lugar cara ao período estival e que contará coas achegas da responsable de Comercio Internacional da Cámara de España - Estados Unidos.
Tamén están a coordinar a viaxe dos representantes dunha decena de empresas lucenses á Feira "Savbor Food & Wine Exhibition", que terá lugar os días 22 e 23 do mes de xuño en Miami. Trátase dunha mostra de carácter anual de referencia en Florida para a exposición de produtos de alimentación e bebidas de calidade de orixe española.