Voltar atrás

Escrito o:

Os empresarios de Lugo reciben á nova executiva provincial do Partido Popular

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu onte, a última hora da tarde, un encontro entre representantes da súa directiva e da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo e membros da nova executiva provincial do Partido Popular.

Tratouse da primeira toma de contacto entre a nova responsable do partido, Elena Candia, e os empresarios de Lugo, nun encontro informal que tivo por obxectivo intercambiar impresións sobre as necesidades e o futuro da provincia de Lugo.

Elena Candia asistiu a esta reunión acompañada do subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e dos responsables das áreas de economía e emprego na súa executiva, Juan Labrada e Teresa Taboada. Da CEL asistiron o conselleiro delegado, Jesús Quintá; o secretario xeral, Jaime López; entroutros vocais do consello de administración desta organización. Tamén estivo presente no encontro Xabier Díaz, presidente da Cámara de Comercio de Lugo.

Entroutras cuestións, os representantes empresariais trasladaron á nova executiva popular a súa preocupación por que a provincia perda o carro dos fondos europeos Horizon 2020, última oportunidade, segundo os empresarios, de que “provincias do interior como Lugo se sumen ao tren do desenvolvemento”. Tamén reiteraron a necesidade de modernizar as infraestruturas de Lugo, garantindo a súa conexión co resto do territorio autonómico e nacional, o de dotar de incentivos para impulsar o medio rural, entroutras cuestións que consideran fundamentais para a implantación de iniciativas empresariais en Lugo.

Tras este primeiro encontro, a executiva popular manterá un contacto periódico con CEL e Cámara para estar ao tanto da opinión e preocupacións dos empresarios lucenses respecto ao futuro empresarial e económico da provincia.