Escrito o:
O coaching esperta interese en Lugo
A Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL acolleu onte un encontro de coaching que reuniu a un numeroso e participativo público. Baixo o nome de "Coñece o Coaching. Dirixir persoas: a conversación de alto rendemento", desenvolveuse en Lugo onte esta conferencia, á que asistiron máis de oitenta persoas.
Especialistas en coaching do Instituto Ben Pensante, Pablo López e Marcela Parga, foron os encargados de impartir os relatorios deste encontro, que buscaba achegar as ferramentas e técnicas do coaching a persoas interesadas en mellorar as súas competencias á hora de realizar presentacións, manter reunións ou facer fronte a unha negociación. Para os especialistas en coaching, esta disciplina proporciona "ferramentas e técnicas incriblemente útiles para mellorar a xestión de todo tipo de situacións no día a día, especialmente aquelas que teñen que ver coa comunicación ou as relacións sociais". Opinan igualmente que "achega beneficios a todos os niveis tanto no ámbito profesional como persoal".