Escrito o:
Oficina Técnica de PRL para Pemes
Desde hai anos a CEL mantén unha área departamental para asesoramento ás pequenas e medianas empresas de Lugo en materia de seguridade e saúde no traballo: a Oficina Técnica de Prevención de Riscos Laborais para Pemes. Trátase dun servizo complementario á área laboral que ofrece información, asesoramento e asistencia técnica en materia de prevención, ademais de organizar xornadas e seminarios e realizar diversas accións divulgativas como campañas de sensibilización ou edición de publicacións.
A Oficina Técnia de PRL trata de facer chegar ás empresas da provincia de Lugo información en materia de prevención de riscos laborais actualizada e detallada, sempre coa finalidade de fomentar a difusión dunha axeitada cultura preventiva na nosa contorna, prestando ademais o asesoramento e a asistencia técnica necesaria para unha adecuada comprensión e cumprimento da normativa vixente.
Esta Oficina está financiada pola Fundación para a Prevención de Riscos Laborais, entidade que promove a nivel estatal a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, especialmente nas pequenas e medianas empresas, a través de accións de información, asistencia técnica, formación e promoción do cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais.
Servizos
- Información, asesoramento e asistencia técnica: atención directa ás empresas sobre a apliación da lexislación existente en prevención de riscos laborais, principalmente centrada en temas como a organización da actividade preventiva, obrigacións en materia de seguridade e saúde laboral, aspectos normativos, etc.
- Xornadas e seminarios: organización de diversos eventos divulgativos para profundar en aspectos preventivos relevantes considerados de interese para as pemes da provincia.
- Publicacións: elaboración de diverso material informativo especializado en prevención de riscos laborais, centrado en aspectos xerais da materia ou en sectores, normativas e/ou accións concretas. Así, os dípticos, trípticos, carteis, folletos e manuais que se editan abordan temas relacionados coa normativa xenérica para sectores ou traballos concretos en materia de prevención de riscos laborais.
- Campañas de sensibilización: eventos destinados ao fometno da conciencia preventiva no ámbito laboral.
Se tes dúbidas ou necesitas asesoramento para saber como levar a prevención de riscos laborais na túa empresa, ponche en contacto connosco a través da Oficina Técnica, chamando ao 982 23 11 50 ou na dirección de e-mail prevencion@cel.es.