Escrito o:
Xornada Informativa WeKAb: para formadores e entidades de formación
"WeKAb.com: Son Formador, Busco Formación" é unha xornada informativa organizada pola plataforma WeKab que terá lugar o vindeiro mércores 24 de xuño de 2015, en horario de 11:00 a 13:00 horas, na sede central da CEL, dirixida a profesionais e empresas dedicadas a formación (programa descargable en pdf ao final desta entrada).
No marco desta xornada presentarase WeKAb.com, unha plataforma online especializada no ámbito de formación que ten por obxectivo "conectar coñecemento", pór en contacto a empresas e institucións que imparten actividades formativas con posibles docentes e viceversa.
A presentación correrá a cargo de Juan Diego Pereiro Areán, fundador e CEO desta plataforma, que nace ante a constatación de que " na práctica, as entidades formadoras teñen grandes dificultades para atopar o formador adecuado": WeKAb facilita esta procura, así como que os posibles formadores "atopen emprego".
Para quen?
É por iso que esta xornada está especialmente pensada, por unha banda, para formadores de formación continua e ocupacional e profesionais sénior por conta propia ou allea que queiran dedicarse á formación como actividade complementaria e, por outra, para entidades formadoras (consultoras de formación, asociacións sindicais e empresariais ou outro tipo de empresas) que necesiten formadores para atender as súas necesidades de negocio.
Máis sobre WeKAb
WeKAb é a primeira plataforma online especializada en formadores e expertos do ámbito de formación para o emprego ou lifelong learning, na que estes poden darse a coñecer, xerar reputación, formarse e ser accesibles para as empresas formadoras.
Trátase dun proxecto de orixe lucense (a sede sitúase en Monterroso), cualificado como IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) pola Xunta de Galicia. Recentemente participou no programa Galicia Open Future de Telefónica e GAIN e na actualidade é candidato ao programa de aceleración de proxectos VíaLugo, no que colabora a Fundación CEL.
Inscrición
O acceso á xornada é libre, aínda que as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, que haberán de efectuarse a través desta ligazón:
INSCRIBIRME EN XORNADA WEKAB.COM
Sede Central CELPlaza de Santo Domingo, 6-8, 2ª Planta
27.001 Lugo