Escrito o:
Os empresarios de Lugo interésanse pola innovación e a convocatoria Innterconecta
Un grupo de empresarios participaron hoxe nunha xornada informativa organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) en colaboración con CTIC Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación co obxectivo de difundir novas solucións tecnolóxicas para empresas e analizar en profundidade a convocatoria Innterconecta, orientada ao financiamento de proxectos de I+D promovidos por consorcios empresariais, e como poden acceder pemes e microempresas a este tipo de axudas.
Na xornada puxéronse de manifesto as dificultades das empresas de pequeno e moi pequeno tamaño de promover procesos innovadores, e a importancia das iniciativas de carácter cooperativo e colaborativo de cara a non quedar atrás no acceso ás novas tecnoloxías e na incorporación nos seus negocios de procesos innovadores.
Na parte de "oportunidades tecnolóxicas" os asistentes á xornada tiveron a oportunidade de achegarse ás tendencias tecnolóxicas que marcan o 2015, con especial atención a solucións de realidade virtual e aumentada, análise de datos, Big Data ou visión por computador.
Jaime López, secretario xeral da CEL, foi o encargado de abrir este encontro, no que participaron como relatores Pablo Coca, director de Negocio e Operacións de CTIC, e Fidel Díaz, responsable de Innovación deste centro tecnolóxico, situado en Gijón. O secretario da CEL destacou a importancia de estreitar lazos con comunidades como Asturias "que están a desenvolver proxectos moi interesantes trasladables a esta provincia".
Visita CETAL
De cara ao estudo de posibles accións a desenvolver no futuro de forma colaborativa, os técnicos de CTIC tiveron ademais a oportunidade de visitar con anterioridade á celebración da xornada as instalacións do Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL), que percorreron acompañados do subdirector deste centro e de representantes da CEL e da Fundación CEL.