Escrito o:
A CEL estudia con CTIC proxectos para Lugo no marco de Horizon 2020
O secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e o presidente da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo, Luis García Santalla, mantiveron na tarde de onte un encontro con Pablo Priesca, director xeral da Fundación CTIC, e persoal técnico deste centro tecnolóxico para o estudo e preparación de proxectos a presentar conxuntamente no marco dos fondos Horizon 2020.
Nestes momentos desde a organización empresarial lucense están a perfilarse diferentes liñas de traballo, tanto coa Fundación CTIC como con outras institucións, que pasan polo desenvolvemento de iniciativas centradas nos eixos prioritarios de Horizon 2020, que no caso da provincia de Lugo estarían orientados ao impulso de sectores como o agroalimentario ou o turístico e á posta en marcha de proxectos que contribúan a fixar poboación e a loita contra o envellecemento.
A Fundación CTIC, Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación, é unha entidade situada en Gijón con ampla traxectoria de traballo ligado ao desenvolvemento e difusión de novas tecnoloxías, ademais de oficina de referencia para a xestión de fondos europeos para desenvolvemento de proxectos de innovación e TIC no ámbito nacional e internacional.
No principio do ano, CEL e Fundación CTIC subscribiron un acordo de colaboración para impulsar o desenvolvemento de accións conxuntas no ámbito da innovación e as novas tecnoloxías dirixidas ás pemes e microempresas lucenses, tendo en conta ademais a vantaxe que supón de face á UE a presentación de proxectos de carácter interregional (neste caso promovidos por empresarios e institucións de Asturias e Lugo).
Directivos da CEL xa tiveron tamén a oportunidade de visitar con anterioridade as instalacións e o laboratorio do centro, onde tiveron a oportunidade de achegarse aos proxectos tecnolóxicos nos que CTIC está a traballar actualmente, relacionados con mobilidade, análise intelixente de datos, xestión de trazabilidad ou realidade aumentada, entre outros.
Xornada
CEL e Fundación CTIC están a organizar tamén a posta en marcha dunha xornada informativa dirixida a pemes lucenses sobre a convocatoria do Interconecta 2015, financiado con fondos FEDER, cuxo programa e data de celebración darase a coñecer en breve.