Escrito o:
Programa Innterconecta: unha oportunidade para a innovación nas empresas
O Programa FEDER INNTERCONECTA está orientado a "fomentar a cooperación rexional en I+D mediante a execución de proxectos de I+D, desenvolvidos por consorcios empresariais de carácter rexional ou inter-rexional, con resultados próximos ao mercado, que mobilicen o investimento privado, xeren emprego e melloren a balanza tecnolóxica do país".
Con este obxectivo vén de publicarse a convocatoria 2015 deste programa, a través do que se habilitan subvencións (a fondo perdido) destinadas a "agrupacións de persoas xurídicas" (que haberán de estar constituídas como mínimo por dúas e máximo seis empresas autónomas entre si, das cales polo menos unha ha de ser grande ou mediana e a outra peme) para a posta en marcha "proxectos de desenvolvemento experimental na modalidade de proxectos en cooperación".
Financiaranse os proxectos que se desenvolvan en Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela A Mancha, Estremadura, Murcia, Ceuta e Melilla.
Características dos proxectos
Os proxectos presentados haberán de ter un orzamento financiable de mínimo un millón e máximo catro millóns de euros. A contía da axuda determinarase en función do custo financiable real do proxecto, das características do beneficiario e das dispoñibilidades orzamentarias, cun límite dun 60% para pemes, do 50% para medianas empresas e do 40% para grandes empresas.
A duración dos proxectos haberá de ser plurianual (dous-tres anos naturais), realizándose parte xa en 2015. As temáticas dos proxectos haberán de responder a algún do oito "Retos Sociais" establecidos na Orde das bases reguladoras:
- Saúde, cambio demográfico e benestar.
- Seguridade e calidade alimentarias; actividade agraria produtiva e sustentable, recursos naturais, investigación mariña e marítima.
- Enerxía segura, eficiente e limpa.
- Transporte intelixente, sustentable e integrado.
- Acción sobre o cambio climático e eficiencia na utilización de recursos e materias primas.
- Cambios e innovacións sociais.
- Economía e sociedade dixital.
- Seguridade, protección e defensa.
O prazo de presentación de solicitudes ábrese o día 30 de abril e finalizará o día 30 de xuño de 2015 ás 12:00 horas (horario peninsular).
Ver convocatoria
Programa CIEN
Por outra banda, tamén na área de I+D+i, permanece aberto o prazo (até o día 5 de maio) para a presentación de solicitudes no marco do Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (Programa CEN), a través do que se subvencionan neste caso grandes proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental postos en marcha por consorcios empresariais (de entre dous e oito empresas) e nos que ha de ter unha participación relevante algún organismo de investigación (centros públicos de investigación, universidades públicas e privadas e centros tecnolóxicos e de innovación).