Voltar atrás

Escrito o:

Os instaladores de Lugo, preocupados polo intrusismo no sector

A Asociación de Instaladores Electricistas e de Telecomunicacións da Provincia de Lugo (APIEL), que preside José Eduardo Fernández Vila e agrupa a preto dun centenar de empresas lucenses, celebrou hoxe reunión en convocatoria ordinaria da súa asemblea xeral, un encontro no que aflorou unha vez máis a preocupación dos seus profesionais polo intrusismo no sector, unha competencia desleal que se agudizou durante os anos de crises (algunhas fontes estiman que o volume de actividade desenvolvida por traballadores que non teñen regularizada a súa situación pode superar o 50% do total).

Neste sentido, informouse o encontro da normativa recentemente aprobada a nivel autonómico para loitar contra o intrusismo no ámbito das instalacións eléctricas de baixa tensión, que prevé multas de até 600.000 euros para instaladores que certifiquen instalacións non executadas por eles. Desde APIEL destacan que esta norma "supón un primeiro paso para frear o grave problema do intrusismo, aínda que son aínda necesarias máis medidas de inspección e control e campañas de concienciación da cidadanía sobre a inseguridade e perigos que representan as instalacións efectuadas por profesionais sen a debida formación e autorizacións".

Retos

Os profesionais do sector afrontaron tamén no último ano varios retos que prevén increméntanse a curto prazo: a adaptación ao sistema telemático para a tramitación de boletíns eléctricos, obrigatorio desde o pasado 26 de febreiro (a través da sede electrónica da Xunta de Galicia); o proceso de reantenización da TDT (cuxo prazo finaliza o día 31 deste mes) ou os cambios no mercado eléctrico coa liberalización do sector.

A colaboración con FENIE Enerxía para unha mellor oferta aos clientes das empresas asociadas e a introdución e a popularización do coche eléctrico son outras das cuestións coas que traballarán ao longo do próximo exercicio.

Redes

Recentemente APIEL tamén abriu perfil asociativo en Facebook a través do que informa de todas as novidades lexislativas e cuestións que poden resultar de interese para os profesionais do sector.